Denuncian que o Consorcio reclámalles soldo e cotización ás persoas das listas de contratación

A CIG-Administración Autonómica leva tempo facendo públicas irregularidades nas nóminas
Nacional - 03 Mar 2022

O sector de Autonómica da CIG-Administración leva tempo facendo públicas irregularidades na confección das nóminas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, até con altas e baixas na Seguridade Social que non se corresponden coa situación laboral das traballadoras/es. Nestes días numerosas persoas das listas de contratación denunciaron que o organismo público as deu de alta sen ter traballado e agora reclámalles o soldo e a cotización.

Dende a a central sindical lembran que este non é o único problema coas nóminas, “xa que incluso levamos á Valedora do Pobo o caso das traballadoras embarazadas, que non cobraban até que a Mutua tivera todo certificado, pasando semanas nesta situación”. A raíz disto o Consorcio adiántalles o soldo, pero cando lles outorgan a prestación pola suspensión de contrato por risco están obrigadas a devolver os pagos “indebidos”. “O problema agrávase cando dende o organismo público se lles indica que teñen que devolver tamén a cotización e a retención para o IRPF”. 

O caos aínda é maior co persoal substituto, porque ou ben o dan de alta na Seguridade Social sen ter contrato ou ben estando contratado e co contrato finalizado non lle tramitan a baixa

Segundo a CIG-Autonómica, o “caos” é aínda maior co persoal substituto, porque ou ben o dan de alta na Seguridade Social sen ter contrato ou ben estando contratado e co contrato finalizado non lle tramita a baixa.” Logo, ao ingresarlles unha nómina que non lles corresponde, pídenlles a devolución do soldo e tamén da cotización e da retención para IRPF e, para colmo, non lles fan chamamentos de listas para novos contratos porque figuran de alta”.

Ademais, sosteñen que antes permitíanlles facer transferencia das cantidades cobradas indebidamente, pero agora xa non; “xeran débeda na nómina e vanlles descontando, deixando nóminas a cero euros ou reservándolla para cando volvan ser contratadas”.

Sobrecarga na xestión do persoal

Para a central sindica, este “caos” ten unha explicación máis alá da dinámica “opaca e autoritaria” que ten o Consorcio na relación coas súas empregadas/os: a sobrecarga do departamento que se ocupa da xestión do persoal. No departamento de xestión de persoal son as mesmas traballadoras/es dende 2008, máis os centros e o persoal que xestionan multiplicouse dende esa data.

A isto hai que engadir que o aumento de traballo por mor das baixas e as xestións co persoal ante a sexta vaga da covid colapsou o departamento. “A CIG ten denunciado esta situación na Inspección de Traballo, que deu como resultado a obriga de realizar unha avaliación dos riscos psicosociais”.

Agora, recentemente avaliados os riscos psicosociais, conclúen que se da unha situación nociva cun risco moi elevado para a saúde das traballadoras/es. “Que vai facer agora a xerencia do Consorcio para remedialo? e Política Social?”, pregúntanse.

Finalmente, reclaman que se adopten as medidas oportunas para corrixir esta grave situación e que se dote o departamento de xestión de persoal do Consorcio dos medios humanos e materiais que sexan necesarios “e se dean as instrucións para que desfeitas coma estas nas nóminas non volvan suceder”.