• Nova

Denuncian que o mal estado do parque móbil do Concello de Vigo pon en risco a seguridade do persoal

O Goberno local tivo que paralizar o seu uso tras o accidente dun camión que quedou sen freos
Vigo - 19 Out 2021

A Comisión de Saúde Laboral do Comité de Persoal do Concello de Vigo vén de advertir que o mal estado na que se atopa o parque móbil municipal pon en risco a seguridade do persoal que o usa a diario. Tras o accidente acontecido o pasado venres, no que un camión colidiu contra varios coches tras quedar sen freos, este organismo lembra que xa denunciaran a situación na que se atopan os vehículos municipais, chegando a pedir hai meses a súa revisión.

Tanto o Comité de Persoal como a Comisión de Seguridade e Saúde Laboral, das que fan parte CCOO, CIG, CUT, SICO-CSIF, SPPME e UGT, alertaran en reiteradas ocasións o estado de deterioro e a precariedade na que se atopa a totalidade dos vehículos pertencentes ao parque móbil do Concello. “Vehículos que son utilizados a diario polo persoal municipal, que ao non realizárense o mantemento e as reparacións mínimas está a arriscar a súa seguridade acotío”. 

A Comisión de Seguridade e Saúde Laboral solicitara hai meses unha revisión dos vehículos

Lembran que o propio alcalde manifestou hai tempo que “todo o que hai no parque móbil é chatarra, porén leva anos sen facer nada para corrixir esta situación a pesar de que a antigüidade dos vehículos supera os 30 anos, non hai partida orzamentaria para comprar repostos, perdéronse outros 400.000 euros este ano para reparar os danos do incendio de 2017, etc”.

Neste senso, consideran significativo que este deterioro veña acompañado do anuncio feito polo rexedor vigués de que se van usar os terreos de Santa Cristina, onde se sitúa o Parque Central de Servizos, para construír vivendas.

Indican tamén que despois do accidente a Xefatura tomou a decisión de paralizar o uso de todos os vehículos do parque móbil até que sexan revisados e se informe positivamente sobre o seu uso. “Esta revisión dos vehículos foi solicitada por esta Comisión de Saúde Laboral hai meses, mais non se chegou a realizar”.

Finalmente, censuran que dende a Concellaría de Fomento se lles solicite aos mecánicos municipais que realicen as tarefas de mantemento e reparación, “cando non teñen medios técnicos nin repostos suficientes”.