Denuncian que o sector da lousa de Valdeorras está a poñer en risco a saúde das persoas traballadoras

A CIG alerta de que non se toman medidas de protección a pesar de ser unha zona afectada pola silicose
Ourense - 22 Mar 2020

A Unión Comarcal da CIG de Ourense denuncia que a patronal do sector da lousa da comarca de Valdeorras está “a xogar literalmente coa saúde e a vida das persoas” que traballan nas naves e nas canteiras ao non adoptar as medidas que a lexislación establece nesta situación excepcional de crise sanitaria e estado de alarma.

Dende a central sinalan que o persoal segue a desprazarse aos centros de traballo en vehículos da empresa (todoterreos ou autobuses) “sen cumprir a estrita normativa que nos é imposta ao resto da cidadanía”, polo que se multiplica o risco de contaxio.

Ademais, nos comedores, aínda aumentando a distancia de separación entre persoas, e na propia rutina produtiva, prodúcense contactos permanentes. 

A patronal está  apoñer ao límite a saúde das persoas traballadoras 

“Mentres o Estado nos obriga a quedarnos na casa, no sector da lousa a patronal está a poñer ao límite a saúde das persoas traballadoras”, critican.

Ademais, no caso de Valdeorras, “coa gravísima afectación pulmonar provocada silicose”, hai centos de persoas en situación de alto risco de padecer “a peor versión” do Covid-19.

Diante disto, apostan por que se adopten medidas urxentes para rematar con esta situación e lembran que a CIG está a reclamar a paralización de todas as actividade produtivas que non sexan de primeira necesidade. “Facemos unha chamada á responsabilidade para non ser culpábeis de propagar a enfermidade”.

Finalmente, demandan das forzas e corpos de seguridade do Estado que cumpran o seu cometido e eviten o transporte de grupos de traballadores/as nun mesmo vehículo sen protección.