Denuncian que Política Social fai un uso propagandístico das crianzas das escolas infantís

Así agradece o esforzo de persoal, crianzas e familias: con máis traballo e menos material
Nacional - 11 Xun 2021

A CIG-Administración Autonómica denuncia que a consellaría de Política territorial está a facer un uso propagandístico das crianzas das escolas infantís do Consorcio e máis da consellaría enviando a fotógrafos profesionais –previa autorización das familias- a facer fotos de cada unha das cativas matriculadas en todos os centros do país. “Así agradece o esforzo das traballadoras e  traballadores, nenas e nenos e familias: cunha nova sobrecarga de traballo e sen material nas escolas”, din. “Non temos para pan...e gastamos en estampiñas”.

A CIG-Administración Autonómica denuncia que é un traballo feito sen ter consideración polas necesidades das meniñas e meniños e interrompendo o seu ritmo diario, o que “está provocando un estrés engadido, neste ano tan difícil que vivimos nos centros por mor da pandemia e dos estritos protocolos”.

O obxecto das fotos, segundo a Consellaría de Política Social, é agasallar as familias cunha fotografía para rematar este ano difícil. Entrementres, os centros de traballo non contan cos materiais necesarios (xoguetes, contos, etc.), nin cos estándares de calidade pedagóxica actualizada. “Teñen eivas graves nas instalacións, non se lles subministran máscaras ffp2 ao persoal como indicou a Inspección de Traballo tras as denuncias da CIG. Porén a Consellaría aposta por facer campaña publicitaria en lugar de solucionar estes problemas”.

O persoal explica ademais que nas escolas infantís públicas, “desde sempre, xa se fan fotos e vídeos das crianzas para amosarlles ás familias a vida diaria nos centros. Este curso faise con redobrados esforzos xa que os centros, que son de portas abertas, este ano teñen restrinxido o acceso”.

Incumprimento dos estritos protocolos

Xunto a isto, a CIG-Administración Autonómica denuncia que mentres nos centros se seguen protocolos estritos para manter as burbullas e protexer as crianzas dos contaxios, “pasan a fotografar a nenos e nenas percorrendo centros e espazos diferentes”.

Ademais, témense que ocorra como en Nadal de 2019 no que o persoal recibiu indicacións “para que as traballadoras e traballadores ensobraran as fotos facendo así que, o persoal, fixese de axente de propaganda”.

Por iso a CIG manifesta o seu rexeitamento contra estas prácticas impresentables mais tamén contra a utilización do diñeiro público para intereses partidistas.