Denuncian servizos mínimos abusivos nas folgas de mantemento e limpeza do CHUO

Ourense -

O comité de folga do servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) rexeita os servizos mínimos propostos pola empresa Ferrovial para as cinco xornadas de paro convocadas para reclamar o cumprimento do convenio e rexeitar a discriminación laboral. De igual xeito, a representación sindical do persoal de limpeza do CHUO, que irá á folga indefinida a partir deste luns día 5 pola sobrecarga de traballo que pretende impor a compañía, considera abusivos os servizos mínimos propostos.

O comité de folga do servizo de mantemento mantivo este luns unha xuntanza coa empresa e coa Xerencia da EOXI de Ourense, Verín e do Barco de Valdeorras que rematou sen acordo xa que Ferrovial pretende fixar uns servizos mínimos do 70%, mentres que o Sergas propuxo un 50%.

“Logo dun intercambio de impresións a representación do persoal amosouse disposto a asinar uns servizos mínimos que fosen de dúas persoas por quenda, unha proposta máis que razoábel tendo en conta que durante as fins de semana o servizo é atendido por un só traballador/a”. Con todo, a reunión finalizou sen un achegamento entre as partes, polo que agora será a Administración a que decrete os servizos mínimos de xeito unilateral.

Dende a federación de Industria da CIG de Ourense entenden que as propostas de servizos mínimos achegadas por empresa e Sergas están totalmente fóra de lugar, “e mesmo vulneran o dereito fundamental de folga, porque non podemos esquecer que no CHUO existe un servizo de mantemento propio”.

Pola súa banda, o comité de folga do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario ourensá solicitou este luns unha reunión urxente coa Xerencia da EOXI “logo de detectar un intento abusivo en canto aos servizos mínimos a establecer de cara á folga legal convocada para o próximo luns 5 de febreiro, coa finalidade de chegar a un acordo respecto deste asunto”.

Volver