Denuncian deficiencias nas instalacións do centro de atención a persoas maiores Atalaia de Teis

Persoas traballadoras e usuarias reclaman o cambio dos ventanais deteriorados do centro de día para rematar coas filtracións de auga e aire
Vigo - 24 Mar 2026

Persoas traballadoras e usuarias do Centro de Atención a Persoas Maiores Atalaia de Teis, en Vigo, denuncian deficiencias nas instalacións e reclaman que se cambien os ventanais deteriorados do centro de día para rematar coas filtracións de auga e aire “que poñen en risco a saúde das persoas usuarias”.

Lembran que este pasado inverno rexistrou moitos días de vento intenso e fortes chuvias que se filtraron ao interior das estancias nas que as persoas usuarias pasan o día. “Dende hai xa case 15 anos persoas usuarias e traballadoras veñen reclamándolle aos responsables da xestión, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza, que dean os pasos oportunos para o cambio dos ventanais, posto que os actuais xa non teñen arranxo posible”. Agora, ás portas do período estival, insisten na súa demanda.

Ao mesmo tempo, explican que tras reiteradas solicitudes e reclamacións por parte das usuarias e traballadoras do centro “chegounos información de que a Xerencia da que depende o centro de día Atalaia está a barallar a colocación duns burletes, o que evidentemente non sería unha solución porque a práctica totalidade das ventás ou non pechan ben ou non abren porque teñen os mecanismos avariados”.

Neste seno, consideran que ademais de non filtrar aire nin auga as ventás teñen que poder abrirse e pecharse con normalidade. Ademais -sinalan- o consumo de gasóleo de calefacción “dispárase” como consecuencia do deterioro da estrutura dos ventanais dun centro que este ano cumpre 18 anos en funcionamento.

O Atalaia forma parte da rede de centros de atención a persoas maiores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pertencente á Consellería de Política Social da Xunta. O edificio é propiedade do Concello de Vigo e a xestión é responsabilidade do Consorcio en virtude dun convenio subscrito co Goberno local.