Desaloxan aos traballadores/as do transporte de residuos de SOGAMA do Parlamento de Galiza

Manterán a presión ata que non se solucione definitivamente o conflito

Compostela -

Un grupo de traballadores da empresa de transporte de residuos de SOGAMA, Pellejero e Hijos, S.L, foron desaloxados esta mañá do Parlamento de Galiza cando, coincidindo coa resposta Alberto Núñez Feijóo a unha pregunta parlamentaria sobre o seu conflito, ergueron uns carteis co lema “SOGAMA vendeunos” e acusaron ao presidente da Xunta de “mentir”.

A unha semana de que a nova concesionaria, a UTE COPASA-RENFE, se faga cargo do servizo de transporte de residuos de SOGAMA, os traballadores/as aínda non recibiron os contratos comprometidos. “A nós explicáronos cal era a proposta, pero transcorren os días e os contratos aínda non se asinaron”, explica Inácio Pavón, da FGAMT-CIG.

Diante desta situación, os traballadores acordaron manter as medidas de presión ata que se verifique que o compromiso verbal é real. Por iso esta mañá presentaron no rexistro un escrito que recolle o acordo parlamentario acadado onte por todos os grupos a partir dunha moción presentada pola deputada do BNG Montse Prado, no que textualmente se recolle que se procederá “á apertura dunha mesa de diálogo, na que estean presentes representantes da Xunta, de COPASA, empresa concesionaria do transporte de residuos urbanos de SOGAMA, e d@s traballadores/as da antiga empresa concesionaria, no obxectivo de que non queden na rúa ningún d@s 69 traballadores/as e se manteñan como mínimo as condicións salariais e laborais actuais.”

Parello a isto os traballadores concentráronse ás portas do pazo do Hórreo mentres unha representación deles asistía á sesión plenaria para escoitar de primeira man a resposta do Presidente da Xunta a unha pregunta parlamentaria da deputada Consuelo Martínez, do grupo mixto.

Foi precisamente a resposta de Feijóo a que provocou a indignación dos asistentes ao pleno, ao escoitalo afirmar que o conflito se solucionara satisfactoriamente negando as importantes perdas salariais que van sufrir os traballadores cos novos contratos, de se concretaren, por culpa de SOGAMA.

Pavón explica que os traballadores acusaron de “mentir” ao presidente da Xunta porque na súa intervención volveu dicir que non se podía recoller a subrogación na plica do concurso para a nova contrata, porque non o recolle o convenio colectivo “o cal é falso e hai ducias de exemplos do contrario” e por intentar enfrontar aos traballadores coa opinión pública ao dicir que se negan a que se transporte máis lixo no  tren, cando iso, de se producir “nunca será antes dun prazo de dous anos, porque a día de hoxe non existen as infraestruturas necesarias para facelo viábel, e Feijóo sábeo”.

O representante da FGAMT-CIG responsabilizou ademais “a SOGAMA, ao PP e á Xunta de obrigar a este persoal a escoller entre o desemprego e unhas condicións laborais substancialmente inferiores ás que tiñan, o que cualificou de “chantaxe de SOGAMA para repartir maior volume de negocio ás empresas”.

A este respecto lembrou que o anterior Presidente de Sogama, Luís Lamas, responsábel do contido das plicas, xa tivo que dimitir por tráfico de influencias.

Volver