Desaparece en Nadal un tractor no aeroporto de Santiago e reaparece un mes máis tarde

A sección sindical da CIG-AENA manifesta "sorpresa e preocupación" polos fallos en seguridade

Compostela -

No aeroporto de Santiago hai un espazo de “inertes” onde se almacenan os vehículos avariados. Cada certo tempo ábrese un expediente para vender eses vehículos como chatarra. Neste caso, ese expediente ábrase co nº SCQ124/2019 para “Revisión e actualización do inventario do inmobilizado do aeroporto de Santiago 2019” por un importe bruto de licitación de 12.100€ que é adxudicado por 9.075€.

Con este motivo, o día 23 de decembro, persoal de seguridade fotografía todo o material para o inventariado e entre os vehículos hai un tractor de considerables dimensións. Días despois e, de forma sorprendente, cando os interesados do expediente, acompañados por persoal de AENA, van revisar o material descobren, ao comparar as fotografías cos vehículos almacenados, que falta o tractor.

Desde a sección sindical da CIG de AENA explican que para acceder a ese espazo hai que pasar dúas portas de seguridade que terían que ser abertas polo persoal de seguridade do aeroporto. Porén, o persoal de seguridade non ten constancia de que ninguén solicitara a apertura do espazo.

Ademais, pola información á que tiveron acceso representantes da CIG-AENA, a situación é aínda máis rocambolesca cando, tras se revisar as cámaras de seguridade, parece ser que para sacar o tractor gravaron un coche grúa ao que se subiu o vehículo.

Até onde a CIG-AENA ten coñecemento, o asunto está denunciado diante da policía. En todo caso, ademais de manifestar o seu estupor ante un feito tan sorprendente como que ninguén se decate de que se saca das instalacións aeroportuarias un vehículo das dimensións dun tractor, expresan tamén a súa preocupación por un feito destas características.

Se até aquí a historia xa parecía alucinante, aínda o é máis que en estrañas circunstancias, o día 28 de xaneiro pola mañá o vehículo reaparece no mesmo almacén.

Diante desta situación a CIG-AENA reclama que se aclare o sucedido para que non se peche en falso un suceso destas características e que se adopten as medidas oportunas para que casos como este non se volvan repetir nunha instalación como un aeroporto ao que se lle supoñen unhas medidas de seguridade moi superiores ás de calquera outra instalación pública.

Volver