Desbloquean a aplicación do convenio colectivo de Portos do Estado tras 17 días de encerro na sede de Madrid

A CIG, CCOO e UGT logran que o organismo cumpra as melloras pactadas, incluíndo a suba salarial
Nacional - 12 Feb 2021

A representación sindical da CIG, CCOO e UGT logrou desbloquear a aplicación do III Convenio Colectivo de Portos do Estado e Autoridades Portuarias tras protagonizar un encerro de 17 días na sede de Madrid. A dirección do organismo comprometeuse a cumprir as melloras pactadas, incluíndo unha suba salarial do 2,3% para o conxunto do cadro de persoal.

O principio de acordo entre as partes produciuse onte tras 17 días de encerro dos representantes dos sindicatos asinantes do convenio -CIG, CCOO e UGT- nas instalacións de Portos do Estado en Madrid. Segundo lembran dende a representación sindical, a política de austeridade do Goberno do PP, entre 2011 e 2018, provocou que os traballadores/as do sistema portuario de titularidade estatal sufriran a constante a perda de dereitos laborais “a pesar dos multimillonarios beneficios do sector”.

Neste contexto, a empresa e as centrais sindicais asinaron o III Convenio Colectivo de Portos do Estado e Autoridades Portuarias, que se publicou no BOE o 15 de xuño de 2019.” Tras numerosos intentos por parte dos sindicatos asinantes do convenio para desbloquear a situación, circunstancia que quedou constatada en numerosas actas de Comisión Paritaria, o conflito era inminente”.

Porque malia enviar diversas comunicacións á Secretaría de Estado de Facenda e solicitar as autorizacións de abono das cantidades económicas pendentes á CECIR, tanto do acordado no III Convenio Colectivo, como o incremento salarial do 2,3% determinado para o 2020 para o conxunto dos traballadores/as, non obtivo resultado positivo durante máis de ano e medio.

Peche indefinido

En consecuencia, o pasado 26 de xaneiro, tras producirse unha reunión na sede do organismo público Portos do Estado entre a representación social e empresarial, e como non se albiscaba unha saída ao conflito, iniciouse un peche indefinido “pola dignidade” do conxunto de traballadores/as de Portos do Estado e Autoridades Portuarias.

Foron 17 días moi duros, de intensos contactos políticos ao máis alto nivel, tanto dos citados sindicatos como de representantes dos Ministerios de Facenda e Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, así como numerosas reunións con diversos grupos parlamentarios (PSOE, Unidas Podemos, PNV, BNG, EH Bildu, Compromís)”.

Finalmente, no día de onte “o duro traballo tivo a súa recompensa”, ao comunicarlle o presidente de Portos do Estado aos sindicatos que “está en disposición de asumir o compromiso de dar cumprimento ao desenvolvemento do III Convenio Colectivo segundo o acordado conforme ao tratado cos citados ministerios, incluíndo as subidas salariais establecidas nas normativas orzamentarias”.

Deste xeito, os sindicatos asinantes do convenio anunciaron a suspensión provisional das mobilizacións, aínda que se reservan a posibilidade de reactivalas no caso de que non se produza a concreción práctica do acordado no espazo de tempo solicitado por Portos do Estado, que remata o 24 de marzo de 2021.