A folga indefinida iniciada o pasado 1 de xullo en BorgWarner quedou finalmente desconvocada ás 01:30 horas do sábado día 4 tras un acordo no que a dirección da empresa de automoción con centros de traballo en Zamáns (Vigo), O Porriño e Nigrán atende as principais reivindicacións do cadro de persoal e comprométese a aplicar unha serie de medidas para rematar coas incumprimentos de convenio.
En virtude do pactado tras varias xuntanzas coa mediación do AGA, BorgWarner, porá en marcha o proceso de formación relativo ao sistema de rexistro de xornada, co obxecto de garantir a súa correcta implantación, utilización e cumprimento por parte de todo o persoal.
O acordo chegou tras varias xuntanzas coa mediación do AGA
En canto ás vacacións do persoal temporal e indefinido transformado no período setembro 2025-agosto2026, as partes acordan publicar o calendario de vacacións, con carácter definitivo, non máis tarde do día 9 de xullo, garantindo a debida información a todo o persoal. Ao tempo que introduce unha serie de melloras que permitirán que este persoal goce de máis días de descanso e en condicións máis favorábeis.
Tamén se inclúe o compromiso de recoñecemento da categoría profesional boa parte das persoas traballadoras ás que se lles foi denegada, así como da creación dunha comisión de clasificación profesional de especialistas que se reunirá con periodicidade trimestral.
No referente á posta en marcha do novo centro de traballo da empresa, a incorporación do persoal producirase tras un período de consultas no que se abordarán as condicións de apertura, seguridade laboral e garantía de respecto das condicións laborais actuais de todo o persoal.