Desconvocan a folga en Constellium tras un acordo para regular as categorías que supón melloras salariais

A asemblea de traballadores/as da empresa do Porriño aceptou o sábado as condicións pactadas o venres polo comité e a dirección
O Porriño - 24 Abr 2023

A folga de toda a xornada prevista en principio para hoxe, mañá e pasado en Constellium Automotive Spain non se fará finalmente efectiva unha vez que a asemblea de traballadores/as aceptou o sábado as condicións pactadas o venres polo comité e a dirección. O acordo contempla unha regularización das categorías profesionais que vai supoñer melloras salariais inmediatas para o conxunto do cadro de persoal da empresa auxiliar da automoción con sede no Porriño.

Segundo explican dende a CIG, que conta cos 5 delegados/as do comité, as partes chegaron a un preacordo o venres -tras toda a xornada negociando- que foi ratificado ao día seguinte en asemblea polos/as empregados/as, permitindo desconvocar os tres días de folga previstos a partir de hoxe. Con anterioridade si que se desenvolveran tres xornadas de paros parciais que foron secundados pola totalidade do persoal. 

Unha empresa externa realizará as mediacións e formará o persoal de métodos para determinar a produción real

Na central sindical dan por cumpridos os principais obxectivos que motivaron as mobilizacións, de xeito que se van regular as categorías laborais para o persoal de nova entrada e sen van actualizar para os traballadores/as que se atopan xa en activo. Isto vai supoñer de xeito inmediato unha importante mellora a nivel salarial en función da antigüidade. Ademais, créase un novo complemento de polivalencia.

A empresa tamén se compromete a que antes de que remate o mes de xuño unha compañía externa levará a cabo as medicións necesarias e procederá a formar o persoal de métodos para que se encargue de determinar a produción real de Constellium.

Ao mesmo tempo, programouse a celebración de xuntanzas periódicas entre a representación sindical e a dirección para abordar outras cuestións como o calendario de vacacións ou o calendario laboral.