Desconvocan a folga en ISS Facility Services no Porriño tras frear a precarización das condicións laborais

O persoal logrou tamén a readmisión dun compañeiro despedido
O Porriño - 08 Set 2022

Os preto de 20 traballadores/as de ISS Facility Services, empresa encargada do mantemento das instalacións de Lonza Biologics do Porriño, decidiu desconvocar a folga indefinida iniciada o pasado 1 de setembro contra a modificación substancial das condicións de traballo e para reclamar a readmisión dun compañeiro despedido.

O cadro de persoal de ISS optou por rematar co paro o pasado martes día 6 tras cinco xornadas nas que todos os traballadores/as secundaron a medida de presión e desenvolveron concentracións diarias ás portas das instalacións da empresa. 

Todo o persoal secundou as cinco xornadas de paro

A decisión foi adoptada unha vez que a dirección da compañía renunciou aos cambios que pretendía introducir nas quendas de traballo e comprometeuse a recolocar ao empregado despedido noutra compañía do grupo.