Desconvocada a folga en Megatech tras pactar mellora salarial e aumento da contratación indefinida

O cadro de persoal da empresa con sede en Ourense acordara comezar hoxe un paro indefinido
Ourense - 06 Out 2022

O cadro de persoal de Megatech, compañía do sector da automoción con sede no parque empresarial de Pereiro de Aguiar, en Ourense, optou por desconvocar a folga indefinida cuxo inicio estaba previsto para hoxe unha vez que a empresa aceptou incrementar as retribucións e aumentar a porcentaxe de contratación indefinida.

En base ao acordo, Megatech realizará tres pagos non consolidábeis en táboas de 350 euros anuais (un en 2022 e dous en 2023), ademais dun pago consolidábel de 400 euros a partir de 2024. Ademais, establécese unha bolsa de beneficios de 20.000 a repartir entre todo o cadro de persoal fixo e mellórase a contía dalgúns complementos salariais.

Tamén se pactou un incremento de contratación indefinida en operarios/as directos/as. Na actualidade o 30% da contratación do persoal directo é indefinida. A partir de agora esta porcentaxe elevarase até o 40% este ano, até o 45% en 2023 e até o 50% en 2024, cun máximo de 12 novos contratos indefinidos para todo o período.