Desconvocada a folga en Serviguide tras pactar control do exceso de xornada, descansos e pago das horas extra

O persoal da empresa que carga e transporta polos para Avigal, sobre todo na comarca do Deza, tiña previsto iniciar onte un paro parcial indefinido
Lalín - 07 Mar 2023

O cadro de persoal de Serviguide, empresa que se encarga de cargar e transportar polos para Avigal, principalmente nas granxas da comarca do Deza, decidiu en asemblea desconvocar a folga indefinida a media xornada cuxo inicio estaba previsto para onte tras pactar coa dirección unha serie de melloras laborais. En concreto, o establecemento dun sistema de control do exceso de xornada, que dará dereito a días de descanso, e unha mellor remuneración das horas extraordinarias.

En virtude do acordo, que foi asinado coa mediación do AGA, a representación legal dos traballadores/as calculará os excesos de xornada rexistrados por cada operario/a, que poderán elixir de xeito unilateral en que días gozarán dos descansos xerados por estes excesos na seguinte proporción: x1,25 horas extras/día ordinario e x1,75 horas extras/día festivo. Ademais, en caso de que a empresa non poda dar os días de descanso solicitados nas datas ecollidas por cada traballador/a tería que remunerar en metálico na mesma porcentaxe.

Ao mesmo tempo, o exceso de xornada realizado en 2022 será compensado economicamente do seguinte xeito: 1500 euros ao ano para os peóns e 2200 euros para condutores e xefa de tráfico. Por último, aplicarase un plus de responsabilidade que comezará a abonarse o 1 de abril na cantidade de 100 euros, e que irá aumentando semestralmente en igual proporción até xuño de 2024, cando se consolidará nos 350 euros ao mes. Este plus será para toda a vida laboral mentres se exerzan esas responsabilidades, tanto no caso dos condutores e xefes de equipo como no da xefa de tráfico, que verá incrementadas estas cantidades en 100 euros.

Tanto os traballadores/as de Serviguide como a CIG, que conta co delegado de persoal da empresa, valoran moi positivamente o acordo, pois recolle a maioría das reclamacións que se viñan facendo dende hai un ano e que cristalizaron na denuncia presentada diante da Inspección de Traballo a primavera pasada. “A unión do cadro de persoal e a actitude combativa frente ao conflicto serviron para vencer a soberbia da empresa e conseguir así unha solución beneficiosa para os operarios/as”.

Mediación do AGA

E é que tras a convocatoria de folga anunciada na concentración realizada o pasado mes de febreiro en Lalín a compañía solicitou no Consello Galego de Relacións Laborais a mediación do AGA, que a parte social aceptou. A medida de presión adoptárase para intentar resolver os problemas de exceso de xornada que se padecían na empresa dende hai anos. “Trátase dun traballo duro que non ten horario e que se desenvolvía durante xornadas superiores a 10 horas, sempre de noite”.

A pesar disto, a empresa ofreceu unhas cantidades á baixa para indemnizar estes excesos de xornada e para compensar as peculariedades de extrema dureza na que se desenvolve esta actividade laboral. Concretamente, 800 euros ao ano para os peóns e 1100 para os condutores e para a xefa de tráfico. “Cantidades que se tomaron como unha falta de respecto por parte dos traballadores/as e que eleviu a temperatura do conflito, desembocando na convocatoria de folga prevista para onte e que finalmente non se fixo efectiva”.

Serviguide conta cun cadro de persoal de 21 persoas, que se encargan de cargar e transportar polos para o matadoiro dende granxas situadas na comarca do Deza, no sur da provincia de Pontevedra, na costa da Coruña ou no interior de Lugo, lo que os operarios fan uns 200 ou 300 quilómetros diarios e cargan unha media de 15 toneladas de animais por persoa.