Desconvocada a folga en Urbaser tras chegar a un acordo para a xubilación parcial
Tras unha intensa negociación entre o comité e a dirección da empresa Urbaser, o persoal da contrata do servizo de limpeza do concello de Santiago acordou desconvocar a folga prevista para os días 30 abril, 1, 2 e 3 de maio.
Nas negociacións mantidas acordouse, para os xubilados parciais, a contratación do persoal relevista con contrato indefinido o cal supón que en vez de traballar o 50% da súa xornada, teñan que traballar o 25% , que vén sendo un ano menos de traballo, así como convertir contratos temporais en indefinidos.
Tamén se acordou retomar as negociacións unha vez que se adxudique á nova empresa, con carácter retroactivo a xanerio de 2021, valorando por parte do comité non impugnar os pregos xa que entenden que vai retrasar a licitación bastante tempo.
O comité valora que isto implicaría que non se puidera repoñer maquinaria nova, que consideran “bastante necesaria para que as persoas traballadoras fagan o seu traballo en condicións beneficiando tamén á calidade do servizo”.