Desconvocada a folga na limpeza hospitalaria de Pontevedra tras lograr as principais reivindicacións sobre o convenio
As traballadoras/es de Acciona, concesionaria do servizo de limpeza hospitalaria de Pontevedra, decidiu hoxe desconvocar a folga indefinida que ía dar comezo este luns 2 de maio ao chegar a un acordo de convenio coa empresa que contempla as principais reivindicacións do cadro de persoal.
Entre elas, a elaboración do cuadrante anual para distribuír mellor os descansos e evitar que os empregados/as teñan que traballar até 11 días seguidos como acontece na actualidade e o establecemento dun plus de convenio a cobrar nun único pago no mes de outubro de 150 euros este ano, de 200 euros en 2023 e de 500 en 2024.
Tamén se pactou un plus de absentismo, a cobrar tamén nun só pago en outubro, de 50 euros para este ano, de 100 euros para 2023 e de 200 euros para 2024, así como outras melloras de carácter social.
O preacordo entre o comité (integrado por CIG, CCOO e UGT) e a dirección de Acciona foi ratificado en asemblea pola maioría das traballadoras/es. As partes comprometéronse a asinar definitivamente o convenio antes do vindeiro 15 de maio.