Desconvocada a folga en Atención Primaria prevista para os días 9, 10 e 11

O SERGAS recoñece a necesidade de crear un marco de negociación para a Atención Primaria
Nacional - 08 Abr 2019

As organizacións sindicais convocantes da folga prevista para a Atención Primaria os días 9, 10 e 11 de abril acordaron desconvocala, xunto coas mobilizacións, logo de que se chegara a un acordo na reunión mantida este mesmo luns co SERGAS. Para a CIG-Saúde, con este acordo “o SERGAS recoñece, por fin, a necesidade de crear un marco de negociación para dar solución á problemática de Atención Primaria”.

O acordo contempla:

  1. A apertura na mesa sectorial de sanidade dun diálogo sobre atención primaria cara a negociación de todas as reivindicación de contido laboral incluídas na convocatoria de folga presentada, significativamente a dotación de prazas.
  2. En relación coas cuestións de carácter asistencial ou organizativas incluídas nas citadas reivindicacións, as mesmas serán canalizadas a través do Consello Técnico de Atención Primaria, órgano colexiado no que estarán representadas, entre outros colectivos, as sociedades científicas, asociación profesionais e sindicatos.

O dito órgano será creado por orde da Consellaría de Sanidade, cuxo borrador foi entregado ás distintas organizacións sindicais convocantes para a formulación de alegacións e xa lle foron incluídas algunhas modificacións.

  1. Compromiso das partes de acadar unha solución inmediata ao conflito existente no ámbito dos Puntos de Atención Continuada.
  2. Compromiso de mellora do modelo de nomeamento estatutario eventual de continuidade acordado na Mesa Sectorial.
  3. As medidas previstas neste acordo irán acompañadas dun incremento orzamentario do programa de gasto de atención primaria á saúde, en función das dispoñibilidades orzamentarias.
  4. Durante o mes de abril será convocada a Mesa Sectorial para a análise dos aspectos referidos, así como para a análise das alegacións ao borrador da orde de creación do Consello Técnico de Atención Primaria, que se constituirá na primeira quincena de maio co obxecto de aprobar o seu regulamento de funcionamento interno.

Tal e como se acordou ao remate da xuntanza, esa primeira mesa sectorial, será convocada para o día 26 de abril.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín valora que este acordo pon de manifesto o recoñecemento por parte da consellaría de Sanidade da necesidade de crear este órgano de participación para analizar e pór solución ás necesidades da Atención Primaria. “Agardamos que haxa boa fe por parte da consellaría de Sanidade e que as conclusións deste Consello Técnico sexa cumpridas na súa totalidade e co correspondente orzamento para darlles cumprimento”.

Máis unha vez, a CIG-Saúde lamenta que sexa necesario recorrer a medidas de presión como a convocatoria dunha folga para que o SERGAS acepte crear un marco de negociación para solucionar os problema de Atención Primaria.

En todo caso a CIG-Saúde advirte que se esa “boa fe” non se traduce en feitos “retomaremos as medidas de presión sen descartar ningunha”.