Desconvocan a folga en BorgWarner tras o acordo sobre o convenio colectivo

A maioría do comité e a dirección pactaron unha suba salarial en cada un dos tres anos de vixencia
Vigo - 14 Dec 2020

A folga indefinida cuxo inicio estaba previsto para hoxe na empresa da automoción BorgWarner de Vigo fica finalmente desconvocada unha vez que o cadro de persoal ratificou nas asembleas celebradas este sábado o preacordo de convenio alcanzado o venres pola maioría do comité e a dirección. O pacto establece unha suba salarial en cada un dos tres anos de duración do convenio.

Deste xeito, os soldos dos traballadores/as de BorgWarner veranse incrementados un 0,9% en 2020, mentres que en 2021 e 2022 o aumento corresponderá ao IPC real. A proposta da empresa pasaba pola conxelación salarial.

Ademais, no último ano de vixencia do convenio o persoal recibirá unha paga lineal de 300 euros non consolidábel, sempre e cando a empresa rexistre un beneficio operacional dun 10% da facturación antes de impostos. O acordo establece tamén que a compañía terá que manter os actuais postos de traballo durante a vixencia do convenio.

Mais o que en realidade desbloqueou as negociacións foi a retirada por parte da dirección da súa proposta de eliminar a categoría de nova entrada, que supón un plus de 3340 euros brutos ao ano para cada traballador/a que se incorpora á empresa. Esta era unha das liñas vermellas que marcara a representación sindical durante as conversas, xa que a retirada desta paga suporía unha "discriminación salarial" co resto dos empregados/as.

Plan de Igualdade

Ademais, pactouse a creación dunha nova quenda de ciclo continuo para 15 traballadores/as cun horario de inicio distinto aos demais para solapar a actividade laboral e evitar a parada das máquinas. Fíxase un complemento de 30 euros brutos, por 12 mensualidades, e vincúlase á non aplicación por parte da empresa do 10% da xornada irregular anual.

Outra cuestión relevante do acordo é a obrigatoriedade de aprobar o II Plan de Igualdade antes do vindeiro 31 de xaneiro 2021, proceso que será supervisado pola Inspección de Traballo, xa que o anterior está caducado dende o ano 2013. Finalmente, incluíuse o compromiso da empresa de fornecer a fábrica viguesa de carga de traballo mediante a adxudicación de novos proxectos como BMW ou Renault Gasolina.