A asemblea de persoas traballadoras do comercio do metal da provincia de Pontevedra aceptou a proposta de suba salarial achegada polo empresariado do sector no marco da negociación do convenio colectivo, o que permite desconvocar as catro xornadas de folga previstas para este luns 29, martes 30, mércores 1 e xoves 2. As organizacións sindicais e a patronal manterán un novo encontro o 7 de xullo para continuar coas conversas que permitan pechar un convenio para os próximos anos.
O acordo ratificado onte permitirá un incremento de soldos do 2,9 % en 2025 e do 3 % en 2026, con revisión salarial a IPC e pago de atrasos con carácter retroactivo dende o 1 de xaneiro de 2025. Mais a intención dos sindicatos é lograr a partir de agora melloras de tipo social e manter dereitos como a cobertura do 100% dende o primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal ou as condicións máis beneficios pactadas por riba do convenio, que o empresariado pretende eliminar.
A intención agora é pactar melloras de tipo social e blindar dereitos
Dende a CIG-Servizos salientan que este acordo en materia salarial garante o mantemento do poder adquisitivo, aínda que insisten na necesidade de continuar coas negociacións para pactar melloras de tipo social e blindar dereitos.
Ao mesmo tempo, poñen en valor o feito de que foron as mobilizacións e as folgas convocadas polo persoal do sector o que obrigou a patronal a poñer enriba da mesa unha proposta que permite desbloquear o conflito e avanzar nas negociación dun convenio que rexe as condicións laborais de máis de 10.000 persoas traballadoras en toda a provincia.