Desconvocan os paros previstos en Faurecia tras o acordo coa dirección

A traballadora despedida poderá reincorporarse e mellorarase a comunicación entre as partes

Ourense -

O comité de empresa de Faurecia en Ourense (6 delegados/as da CIG, 5 de CCOO e 2 da UGT) anunciou a desconvocatoria dos paros de dúas horas en cada unha das tres quendas previstos para este mércores 24 despois do acordo alcanzado hoxe coa empresa.

A compañía de automoción con sede no polígono de San Cibrao das Viñas comprométese a poñerse en contacto, a través do responsábel de recursos humanos, coa traballadora despedida para interesarse polo acontecido e ofrecerlle a posibilidade de reincorporarse ao seu posto antes de final de ano. 

A traballadora poderá volver ao seu posto antes de final de ano

Ademais, Faurecia intensificará o proceso de formación das novas contratacións seguindo o sistema de formación da empresa e implementará unha formación dirixida a mandos intermedios (supervisores/as e responsábeis de departamento), así como aos membros do comité que estean interesados/as, co obxectivo de mellorar a comunicación para a xestión de equipos e a resolución de conflitos.

O acordo contempla tamén a creación dunha comisión de seguimento para abordar temas que poidan ocasionar futuros conflitos tanto por parte da empresa como dos traballadores/as, sempre en cuestións de comunicación entre as partes, cuxa primeira xuntanza terá lugar no mes de setembro.

Volver