Proposta urxente de medidas laborais no proceso de "desescalada"

A CIG avoga por introducir cambios legais e aprobar un paquete fiscal para minimizar o impacto da crise da Covid19 na clase obreira
Nacional - 06 Mai 2020

En pleno proceso de 'desescalada' as medidas que se anuncian tanto por parte do Goberno español como polo Goberno galego (facendo un absoluto desprezo dos órganos institucionais existente para estas funcións como o CES ou o CGRL), inciden na inxustiza das políticas aprobadas dende o inicio do estado de alarma. Fronte a estas fórmulas de corte neoliberal, que afondan na destrución de emprego e no empobrecemento da clase obreira, a CIG defende corrixir no inmediato estas deficientes e insuficientes medidas, introducindo modificacións legais e aprobando un paquetes de medidas fiscais na liña da proposta presentada pola central sindical o pasado 27 de abril.

Proposta urxente de medidas laborais na "desescalada"

INTRODUCCIÓN

A grave situación que estamos a vivir confirma o erro de non terse aceptado a proposta realizada desde o primeiro día pola CIG, a respecto da concesión dun permiso especial retribuído, en base ao artigo 37.3 do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras, e da creación polo Goberno dun Fondo Extraordinario para sufragar todas estas medidas coas que abonar ás nóminas aos traballadores e traballadoras a través das empresas. Desta forma estaríase facendo un mellor, máis xusto e máis eficiente gasto público.

O recoñecemento deste permiso retribuído ante o deber inescusábel de quedar na casa ao coidado das persoas maiores e menores e de cumprimento do  confinamento ante a emerxencia sanitaria, evitaría o caos e inxustiza actual, pero tamén tería minimizado as consecuencias devastadoras que está tendo a emerxencia sanitaria.

Acada esta altura dunha crise que xa é económica e social, e ante os anuncios sobre a continuidade das fórmulas impostas desde o primeiro día do estado de alarma que, fundamentadas nas regresivas reformas laborais de 2010 e 2012, consistiron basicamente en despedimentos masivos, ERTEs indiscriminados, vacacións forzosas teletraballo sen dereitos e nos permisos e reducións de xornada para coidados da poboación vulnerábel con perda de salario; desde a CIG consideramos urxente as seguintes modificacións legais e a aprobación dun paquete de medidas para o financiamento público destas.

1. EXPEDIENTES DE REGULACIÓN TEMPORAIS DE EMPREGO (ERTE)

En relación aos ERTEs calquera prórroga en base ás acordadas conforme ao Decreto 8/2020, e seguintes, constitúe un abuso e un grave prexuízo para a clase traballadora.

Cómpre, con carácter xeral, derrogar as reformas laborais de 2010 e 2012, restabelecéndose, como versión menos mala, a vixente con anterioridade durante todo o tempo que non poida entra en vigor un novo marco legal. Polo tanto, recuperando para a súa validez o acordo coa representación sindical e o exercicio do control e, no seu caso, a autorización previa pola Administración.

Xunto a isto, co obxecto de minimizar o impacto destas regulacións na clase traballadora, a CIG propón:

-Estará prohibido simultanear a aplicación dun ERTE con outra medida consistente nun descolgue salarial, inaplicación de convenio colectivo, modificación substancial das condicións de traballo ou mobilidade xeográfica e/ou funcional.

- Pago inmediato do paro, habilitando un procedemento especial e extraordinario coa confección das nóminas para efectuar os  pagos semana a semana até a posta ao día dos expedientes,  que permita retomar os pagos a mes vencido. Manter a forma ordinaria de pago das prestación é causar un atraso de graves consecuencias.

- Garantir o cobro durante todo o ERTE do 70% da base reguladora de cada persoa traballadora, sexa cal sexa a duración e aínda que teña superado os 180 días de prestación.  A tal fin, deberá de aprobarse a derrogación da reforma  feita no Goberno do PP a través do Real Decreto-Lei 20/2012, que recortou as prestacións por desemprego ao reducir a porcentaxe aplicábel á  base reguladora a partir do día 181 da prestación, pasando do 70% a un 50%. Así mesmo, no pago das prestacións por desemprego, como antes da aprobación do Decreto-Lei 20/2012, á persoa traballadora non se lle descontará o 4,7% da base de cotización que lle corresponderá no líquido a cobrar (IRPF e a cota por continxencias comúns do traballador ou traballadora). 

-Terán a mesma consideración á hora de acollerse ás medidas referidas a esta protección do SEPE, todas as persoas traballadoras, incluíndo aquelas que foron despedidas por causa desta situación ou que desde o 1 de xaneiro estiveran xa no desemprego percibindo prestación por desemprego.

Todo o tempo de desemprego  desde a data que tivo lugar o despedimento ou a aplicación do ERTE por causa da Covid-19 entenderase como non consumido. Así mesmo, toda persoa traballadora, independentemente do tempo cotizado, terá dereito á prestación por desemprego.

-As empresas para poder acollerse ao ERTE deberán cumprir as seguintes condicións e garantías:  completar até o 100% dos salarios; reincorporar progresivamente a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas (ETTs , empresas multiservizos, etc.) que foi despedido e, como data límite, farano no último mes de vixencia do ERT

2. NEGOCIACIÓN COLECTIVA

Garantía do incremento salarial dos convenios colectivos pendentes de renovar  de acordo ao 1%, segundo o IPC real final do ano 2019; e garantir a aplicación das cláusulas de revisión salarial.

3. TELETRABALLO

En relación ao teletraballo na actual situación demandamos unha anulación  control e garantías sobre o dereito á desconexión dixital, dereito á protección de datos e uso de internet, así como toda medidas necesarias en materia de prevención de riscos laborais. As propostas neste sentido están recollidas no documento confederal da CIG para a negociación colectiva 2020.

Todos os documentos que recollen as condicións de teletraballo (acordos forzosos) asumidas polas traballadoras e traballadores desde que comezou a alerta sanitaria, deberán ser considerados como temporais e só aplicábeis á duración desta situación, quedando sen efecto ao remate desta. Así mesmo, deberase establecer unha compensación extraordinaria obrigatoria para o persoal que estivese traballando dende o seu domicilio cos seus propios medios.

4. COIDADOS DA POBOACIÓN MAIS VULNERÁBEL E CONCILIACIÓN LABORAL

As reducións e adaptacións de xornada para a atención á poboación vulnerábel,  deberase garantir polas empresas a concesión automática da solicitude da persoa traballadora. Transitoriamente, durante a situación de emerxencia sanitaria e o plan de 'desescalada' presentado polo Goberno español, que obriga a máis dispoñibilidade  de horas para os coidados, garantirase que as persoas traballadoras que non teñan outra alternativa  non vexan os seus ingresos reducidos en máis do 30% da súa base de cotización (100% da cotización). Especial protección deberá terse coas familias monoparentais.

5. FINANCIAMENTO DAS MEDIDAS

Nesta situación extraordinaria, tanto as medidas xa aprobadas como as propostas pola CIG, xeran un importante gasto público que deberá financiarse por dúas vías de execución inmediata, coa aprobación urxente e simultánea ás anteriores propostas de:

- Un paquete de medidas fiscais coa creación dun imposto sobre os beneficios da banca e os activos financeiros, a eliminación dos privilexios fiscais das SICAV e das grandes empresas.

- O desvío dentro das partidas correspondentes que están destinadas aos gastos militares e da Casa Real nos Orzamentos Xerais do Estado en vigor, nas contías necesarias para afrontar este gasto público.