Desigualdade e riqueza

Michael Roberts -

A concentración da riqueza real é de propiedade de capital produtivo, de medios de produción e de finanzas. É o gran capital (finanzas e negocios) o que controla as decisións de investimento, creación de emprego e financeiras do mundo

 Xa escribín antes sobre o feito de que, tanto nas economías avanzadas como nas chamadas "economías emerxentes", a riqueza se distribúe de forma significativamente máis desigual que a renda. Ademais, segundo o pro capitalista Foro Económico Mundial: "Este problema mellorou pouco nos últimos anos, cun aumento da desigualdade da riqueza en 49 economías".

 O índice habitual que se utiliza para medir a desigualdade nunha economía é o índice de Gini. Un coeficiente de Gini de cero expresa igualdade perfecta, onde todos os valores son iguais (por exemplo, onde todos teñen os mesmos ingresos). Un coeficiente de Gini do 1 (ou do 100 %) expresa a desigualdade máxima entre valores (por exemplo, para un gran número de persoas onde só unha persoa ten todos os ingresos ou todo o consumo e todos os demais non teñen ningún, o coeficiente de Gini será case 1).

 Para os EUA, o índice Gini actual para a renda é 37,8 (bastante alto para os niveis internacionais), mais o índice Gini para a distribución da riqueza é 85,9! Tomemos a Escandinavia supostamente igualitaria. O índice Gini de ingresos en Noruega é de só 24,9, pero o Gini de riqueza é 80,5! É a mesma historia nos outros países nórdicos. Os países nórdicos poden ter unha desigualdade de ingresos inferior á media mundial, mais unha desigualdade de riqueza superior á media.

 Outra forma de medir a desigualdade é considerar a proporción de riqueza ou ingresos que ten o 10 % superior ou o 1 % superior, etc. E podemos dividir a riqueza persoal en dúas categorías principais: riqueza inmobiliaria e riqueza financeira. Unha gran parte da poboación ten riqueza inmobiliaria, aínda que está distribuída de xeito moi desigual. Pero a riqueza financeira (accións e participacións, bonos, fondos de pensións, efectivo, etc.) está concentrada nun pequeno número de persoas e, polo tanto, distribúese de xeito aínda máis desigual. A última cifra de desigualdade de riqueza financeira dos EUA é realmente abraiante. O 1 % máis rico dos fogares estadounidenses agora posúe o 53 % de todas as accións e fondos mutuos en poder dos fogares estadounidenses. O 10 % máis rico posúe o 87 %! A metade dos fogares estadounidenses teñen pouco ou ningún activo financeiro; de feito, están endebedados. E esa desigualdade foi en aumento nos últimos 30 anos.

 E como di o Foro Económico Mundial, despois do enorme aumento dos prezos da propiedade e os activos financeiros nos últimos 20 anos, impulsado polo crédito barato e a redución de impostos, esta concentración de riqueza persoal aumentou drasticamente, algo que Thomas Piketty no seu libro, O Capital no século XXI, destacou hai varios anos.

 Os últimos datos de Italia, unha das principais economías do G7, confirman esta maior desigualdade de riqueza. Nun novo estudo dos rexistros do imposto á herdanza italiano, os investigadores constataron que a participación na riqueza do 1 % superior (medio millón de persoas) aumentou do 16 % en 1995 ao 22 % en 2016, e a participación acumulouse no 0,01 % superior (os 5.000 adultos máis ricos) e case se triplicou do 1,8 % ao 5 %. En contraste, o 50 % máis pobre viu unha caída do 80 % na súa riqueza neta media durante o mesmo período. Os datos tamén revelan o crecente papel da herdanza e as doazóns en vida como parte do ingreso nacional, así como a súa crecente concentración na cima. A enorme riqueza dunhas poucas persoas é cada vez maior porque pode pasarse a parentes con pouca ou ningunha tributación.

 Mais a concentración da riqueza persoal nas economías capitalistas avanzadas non é nada comparábel co que está a acontecer nas nacións máis pobres do mundo. Un novo estudo comparou a desigualdade de riqueza en Sudáfrica con "economías emerxentes" similares, e tamén historicamente desde a fin do apartheid. As desigualdades extremas de riqueza en Sudáfrica empeoraron, non melloraron, desde a fin do réxime do apartheid. Hoxe en día, o 10 % superior posúe aproximadamente o 85 % da riqueza total e o 0,1 % superior posúe preto dun terzo. Sudáfrica segue tendo a dubidosa honra de ter a peor desigualdade de riqueza entre as principais economías do mundo. A participación do 1 % superior de Sudáfrica flutuou entre o 50 % e o 55 % desde 1993, mentres que se mantivo por baixo do 45 % en Rusia e os EUA e por baixo do 30 % en China, Francia e o Reino Unido.

Proporción de riqueza do 1 % superior

Pero como argumentei antes, a concentración da riqueza real é de propiedade de capital produtivo, de medios de produción e de finanzas. É o gran capital (finanzas e negocios) o que controla as decisións de investimento, creación de emprego e financeiras do mundo. Un núcleo dominante de 147 empresas, mediante participacións entrelazadas entre si, controlan en conxunto o 40 % da riqueza na rede global segundo o Instituto de Tecnoloxía de Suíza. Un total de 737 empresas controlan o 80 % de todo.

 Esta é a desigualdade que importa para o funcionamento do capitalismo: o poder concentrado do capital. E dado que a desigualdade da riqueza xorde da concentración dos medios de produción e as finanzas en mans duns poucos, e debido a que esa estrutura de propiedade permanece intacta, calquera aumento de impostos sobre a riqueza quedará curta á hora de cambiar irreversibelmente a distribución da riqueza e as rendas nas sociedades modernas.

 

 

[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 8 de maio de 2021]

Volver