Desleixo total de Endesa e a Xunta co persoal das auxiliares e o futuro industrial das Pontes

Á xuntanza deste martes non acudiron nin a empresa nin o conselleiro de Economía
As Pontes - 01 Set 2021

As centrais sindicais critican que nin Endesa nin o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, asistiran á reunión convocada para a tarde deste martes para abordar o futuro das Pontes. Nesa reunión, convocada a iniciativa da Xunta, terían que estar presentes a administración galega, a empresa, o Concello das Pontes, o colectivo de transportistas e as centrais sindicais para falar da situación laboral do persoal da industria auxiliar, do proceso administrativo de peche de central térmica e dos proxectos industriais de futuro que Endesa propón para a localidade.

Para a representación sindical, a ausencia de Endesa constitúe unha falta de respecto ao conxunto da sociedade das Pontes, pois logo de décadas obtendo beneficios a conta das Pontes "vemos como no momento que ten que asumir compromisos dá a calada por resposta, deixando no desamparado os traballadores e traballadoras das auxiliares e sen adquirir compromisos reais e concretos no ámbito industrial que garantan emprego e repoñan o impacto do peche da central".

De igual maneira, critican a "inxustificada ausencia" do conselleiro e poñen o acento sobre o feito de que este non é un conflito laboral da industria auxiliar, senón que o peche da térmica ten un forte impacto socioeconómico sobre o conxunto da comarca, tal e como pon de manifesto o documento elaborado polo grupo de investigación UDC. Nese informe cífrase a destrución de emprego en máis de 1400 postos de traballo e o impacto económico en perdas de máis de 70 millóns de euros "polo que a implicación dos máximos responsábeis políticos é obrigada", máis aínda cando esta xuntanza fora proposta polo goberno galego.

Despedimentos e traslados

Cómpre lembrar que a reunión chega con moita demora, pois xa fora anunciada o pasado 19 de xullo, e por enriba non se celebrou nos termos previstos, evidenciándose unha vez máis o abandono de Endesa e a falta de implicación da Xunta de Galiza.

Dende que o pasado 1 de xullo remataron as garantías de emprego ofrecidas pola eléctrica, xa se acometeron despedimentos e desprazamentos na industria auxiliar, así como o anuncio dun ERE na empresa Maessa que pode chegar a afectara 47 traballadores/as. Xunto a isto, Endesa segue a "desmantelar" o seu cadro de persoal facendo efectivos os traslados do persoal propio, "o que de facto está a supor o peche da central térmica".

Ante esta situación  a coordinadora da industria auxiliar reunirase nos vindeiros días para analizar a situación e valorar retomar as mobilizacións, "xa que o único compromiso que  puido adquirir a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Paula Uría (única presenza da administración galega na reunión) foi a de volver convocar as partes antes do día 8 de setembro".