Desmantelamento industrial. Pódese evitar!

Manuel Mera - 25 Xan 2021

As mobilizacións, marchas e concentracións que a CIG ten convocadas para o vindeiro 7 de febreiro en 18 cidades e vilas de Galiza teñen moito sentido e importancia. Non son as primeiras que se realizan para pedir a derrogación da reforma laboral e das pensións. Mais, danse nunha conxuntura na que o desmantelamento do sector industrial é cada vez máis grave e evidente

 A pandemia da covid-19 preténdese que sirva como xustificante para todo; por unha banda para amosar as bondades do sistema que crea un fondo especial para recuperar a economía, facer fronte ás situacións de desemprego transitorias (ERTE, IMV) e fortalecer o sistema sanitario. E por outra, utilízase para escusar os peches de empresas, reducións de cadro de persoal, e mesmo unha maior explotación e precariedade laboral (riders, falsos autónomos, etc.) por parte da patronal, e tamén para conxelar a derrogación da reforma laboral e das pensións, e non dar resolto no Congreso unha medida semellante respecto da Lei Mordaza.

 A pandemia creou unha situación excepcional, porén en relación coa crise sistémica en realidade o que fixo foi acelerala. Daquela que as medidas que se están a tomar na Unión Europa, para alén de pechar algunhas das feridas que poden afundir o barco, apostando pola enerxía verde e a dixitalización, despois non dan ningún paso para avanzar en materia de xustiza social, igualdade, soberanía e democracia real, ou sexa, para garantir os intereses das clases populares. E isto implica que os gastos da recuperación da crise serán pagados pola clase traballadora, e o sector máis débil de autónomos/as e pequenos empresarios/as, e polos países máis dependentes, tanto pola carencia de soberanía, como por cumprir un papel subalterno na cadea de valor.

 Polo tanto, non é unha casualidade que na Galiza tantas empresas relacionadas co sector enerxético, aluminio, naval, etc., estean próximas ao peche, a unha redución drástica da capacidade produtiva e emprego, ou con problemas de carga de traballo (Alcoa, Alu Ibérica, Xeal, Meirama, Endesa, Gamesa, Astano, Barreras, Galicia textil, Thenaisie,...). É para estar preocupados, pensando en como se saldaron todos os procesos anteriores de desmantelamento industrial. Aínda que nalgún deles, como na reconversión naval (1983-1984), a loita obreira no sector, e a solidariedade nacional galega, freou en boa medida os peches e despedimentos de persoal que se pretendían. Pode que neste caso o Goberno termine mercando a través da SEPI a sección de produción de aluminio primario de Alcoa, sería un dado positivo, porén un erro do movemento sindical e político galego pensar que esta será a súa liña política noutros casos aproveitando os máis de 140 mil millóns do fondo de recuperación outorgado ao Estado español pola UE.

 Todo indica que os plans do Goberno van por outro camiño. Un xornal nada galeguista como La Voz de Galicia destacaba este domingo que o Goberno central inxectaría a maior parte das axudas europeas (Next Generation) sen ter en conta a súa distribución por autonomías, e que ademais podería variar as condicións iniciais dos proxectos. A mesma noticia salientaba que a nosa nación só tiña garantido en principio 441 millóns das axudas doutro fondo, o React-EU, dun total de 10 mil millóns. En poucas palabras, no reparto das axudas incidirán, como nas últimas décadas, os maiores centros de poder (Madrid, Cataluña, Valencia...) e os sectores e corporacións con maior peso especifico, e neste caso non podemos ignorar que a maioría das empresas máis dinámicas do noso país teñen os seus centros de dirección no exterior (especialmente en Madrid). E que carecemos dunha burguesía, con proxecto de país, que defenda os intereses da nación galega.

 Con estes criterios centralistas, que non son novos, e ignoran o Estado das Autonomías, que logo tanto usan para contestar as esixencias de competencias e soberanía por parte das nacionalidades históricas, todo indica que serán cómplices as cúpulas de todos os partidos e sindicatos estatais. Até o de agora ningún deles se opuxo a este deseño. Polo tanto as mobilizacións, marchas e concentracións que a CIG ten convocadas para o vindeiro 7 de febreiro en 18 cidades e vilas de Galiza teñen moito sentido e importancia. Non son as primeiras que se realizan para pedir a derrogación da reforma laboral e das pensións. Mais, danse nunha conxuntura na que o desmantelamento do sector industrial é cada vez máis grave e evidente, e tamén o son as complicidades, tanto sexa por colaboración ou por non confrontar as políticas das direccións en Madrid, por parte dos partidos de ámbito estatal.

 A CIG chama a esta mobilización do día 7 de febreiro poñendo o acento en tres temas fundamentais e ligados entre si: reclamando a derrogación das reformas laborais e das pensións, “a fixación por lei do SMI no 60% do salario medio, tal e como marca a Carta Social Europea, a supresión do IPREM e o establecemento dunha renda de inserción laboral e social, na contía do SMI”... Ademais, suma o sindicato, como reivindicación urxente, que o Goberno central e autonómico teñan un papel activo na dinamización do sector produtivo, polo que demanda a “intervención pública no sistema financeiro, a xestión directa dos fondos europeos, a formalización dun concerto económico co Estado, a creación dun Banco Público Galego, a participación da Xunta en proxectos empresariais chaves,e a nacionalización de empresas como Alcoa ou Alú Ibérica”. Así mesmo, esixe no ámbito dos servizos públicos, que se fortaleza a sanidade e o ensino, e que se poña en marcha un Plan de Conciliación: “para as necesidades de coidados xeradas pola pandemia”, así como a creación dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas “que integre residencias, centros de día, centros de atención á diversidade... incorporando á rede pública os SAF”, e se dignifiquen as condicións laborais.

 Estas mobilizacións nacionais, que todo reflicte iran a máis e se manterán no tempo, non se poden considerar desligadas das que se están a dar nas empresas por problemas concretos. Estas últimas son numerosas e en sectores moi diversos, e tamén estanse a facer no ámbito comarcal como a folga na Mariña luguesa contra o peche de Alcoa aluminio, ou a folga que se realizou en decembro nas bisbarras de Ferrolterra, Eume e Ortegal, e que se repetirá o próximo 25 de febreiro convocada pola CIG, CCOO e UGT, diante da situación de desmantelamento industrial tan aguda que existe na zona.

 Urxe do esforzo colectivo, de gañar a complicidade de toda a nación galega, porque se trata dun ataque contra todo o país. Levará tempo. Porén é necesario e posíbel deter esta destrución destas empresas que dinamizan o tecido produtivo, e que son esenciais para a balanza comercial exterior. Non é só unha loita sindical ou da CIG, nin sequera exclusiva do nacionalismo. Todos e todas os que viven no país xogámonos moito. Debemos evitar o peche nuns casos e esixir alternativas sólidas cando non sexa posíbel a continuidade.

 

[Vigo, 25 de xaneiro de 2021]

https://obloguedemera.wordpress.com/