Despedido de Abanca por querer informar ao persoal das oficinas das consecuencias da venda de fondos de investimento

Despois do escándalo das preferentes
Compostela - 13 Mai 2016
A CIG-Banca denuncia que o persoal das oficinas de Abanca ten a obriga de vender produtos financeiros,  aínda que careza de formación suficiente para poder asesorar e non teña información sobre os mesmos. Para asesorar, e informar ao persoal das oficinas, conta con persoal específico e coa denominada “Banca Persoal”. O pasado luns despediu ao responsable dese departamento en Ourense despois de que intentase facilitarlle ao persoal información sobre as repercusión da venda de fondos de investimento e recibir instrucións contraditorias.

Segundo denuncia a CIG-Banca, todos os fondos de investimento “teñen un risco para a clientela, pero cada día as entidades inciden mais na súa colocación”. Explica que a día de hoxe moitos fondos, incluídos os mais conservadores, teñen rendibilidades negativas e que a clientela, aínda alertada con razón polas preferentes, rexeita maioritariamente este tipo de produtos. “Outra cuestión é que as Entidades utilizan a baixada dos xuros e, polo tanto, a baixada das retribución dos depósitos a prazo, para empurrar á clientela cara a produtos complexos”.

A CIG-Banca sinala que, cando comercializa produtos, o persoal das entidades financeiras está entre a espada e a parede, con departamentos dos bancos encargados da normativa recórdanlle o seu cumprimento, mentres os seus xefes directos de comercial acosan e presionan para que se incrementen as vendas. “Normalmente os responsables comerciais son todos poderosos: deciden salarios, traslados, a renovación dos temporais ou o despedimentos dos fixos. Así conseguen incrementar as vendas pero a responsabilidade última, en caso de problemas, recaerá no traballador/a”, denuncia.

O endurecemento da normativa para a colocación de produtos complexos fixo, segundo sinala a CIG-Banca, que dende o departamento de “Auditoría Interna” de Abanca se lle urxise aos responsables de banca persoal nas provincias a manter reunión co persoal que coloca fondos de investimento para explicar debidamente esta normativa. Esas instrucións recibidas parece que chocaron coa nova máxima responsable de Banca Persoal na Entidade (que pretende incrementar a venda de fondos de investimento de Imantia, unha xestora recentemente adquirida por Abanca). Así que “no caso do compañeiro de Ourense lle indicou por escrito na necesidade  “simplificar” as explicacións ao persoal para non afectar aos obxectivos de vendas, verbalmente foi mais ala”.

Asegura que cando o pasado 3 de maio o responsable de Ourense quixo poñer en marcha as reunión co persoal das oficinas, a súa superior cortouno. “4 días despois foi despedido e na carta de despedimento a empresa alegou no estár alineado con la política comercial de la Entidad, desavenencias en público con su superior e falta de liderazgo”.

A empresa négase a dar marcha atrás no despedimento, polo que a CIG-Banca xa puxo en marcha un calendario de mobilizacións e neste mes están convocadas concentracións o 20, 24 e 26 de maio diante da Oficina do Paseo de Abanca en Ourense.

Con estas mobilizacións a CIG demanda a readmisión do compañeiro despedido, pero tamén quere alertar aos traballadores e traballadoras da Entidade das consecuencias da colocación de produtos que descoñece e para que reclame o seu dereito a ter información fiable sobre os produtos que vende (en caso de queixas da clientela pode ser despedido, pero tamén responder co seu patrimonio persoal). “E sobre todo que a empresa deixe de dar instrucións contraditorias ao persoal, que faga o que faga pode perder o seu posto de traballo”, conclúe.