A CIG-Ensino cualifica de “desprezo ao profesorado” a última manobra propagandística da Consellaría de Educación, apoiada polos 4 sindicatos afíns, que hoxe escenificaron a sinatura dunha addenda ao Acordo de 2007 polo que se estabelecen os postos de traballo dos centros de infantil e primaria. Segundo os datos analizados nunha primeira valoración pola CIG-Ensino as 150 prazas de PT e AL anunciadas por Rueda fican en 131 (103 e 39 respectivamente), das cales a maioría xa están cubertas de forma temporal nestes intres ou ben por especialistas que xa están por riba de catálogo desde hai anos, ou por atención preferente de alumnado con necesidades educativas especiais ou por dotación excepcional polas necesidades dos centros (a través de plans como MEGA, Proa+...).
Despois de anunciar publicamente e de traer á Mesa a suposta actualización do Acordo de catálogo de postos de traballo de infantil e primaria e a redución da xornada lectiva a 21 horas do ano 2007, produciuse unha vez máis unha “pseudonegociación” na que a Consellaría presentou unha proposta, os tres sindicatos presentes e o ausente presentaron unha contraproposta en 10 minutos sen contrastala co profesorado nin coas súas estruturas internas, e sen ter en conta ningunha das achegas presentadas pola CIG-Ensino e elaboradas tendo en conta as comunicacións do profesorado e dos centros, que apenas tiveron marxe para opinar.
Dezanove anos despois a Consellaría dá carpetazo á demandada negociación deste acordo, que no seu día contara con unidade sindical e significara a incorporación en 2 cursos de 1000 mestras máis pero que precisa adaptarse á realidade actual dos centros, cunha maior diversidade e maior número de alumnado con necesidades educativas.
"A sinatura supón unha nova farsa na que cada vez se evidencia máis que hai quen se reúne nos despachos e ignora a verdadeira vontade do profesorado. A proposta, a contraproposta e o documento final apenas varían entre si, o que fai pensar que foran tratadas anteriormente ás agochadas e que, polo tanto, as 5 partes, Consellaría e 4 sindicatos asinantes, están de acordo en liquidar un tema de tan suma importancia en apenas uns minutos, o tempo que durou a súa intervención (no caso sindical consensuada nun receso e presentada por unha das organizacións) na Mesa Sectorial do martes", denuncia a CIG-Ensino.
"Fraude constante das negociacións"
Cualifica de “intolerábel” a fraude constante á que someten as negociacións laborais tanto a Consellaría como os outros sindicatos e, como organización seria, participativa e democrática, nunca participará nestes enganos nin traizoará a vontade do profesorado. É por iso que cando recibiu esta tarde a chamada da administración “convidándoa” a asinar mañá este documento a resposta foi un non rotundo acompañada do rexeitamento tanto ás formas como ao fondo do que significa esta nova sinatura dun acordo de costas ao persoal docente.
A cifra de PT e AL a consolidar, por debaixo do anunciado por Rueda
A actualización dos catálogos non toca ningún posto de traballo que non sexa o dos especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, a primeira gran decepción que amosou estes días o profesorado que se puxo en contacto coa CIG-Ensino, e deixa fóra a Escolas de Educación Infantil, Centros de Educación Especial e Colexios Rurais Agrupados. É dicir, só afecta a Centros de Educación Primaria, Centros de Educación Infantil e Primaria e Centros Públicos Integrados.
Segundo un estudo realizado pola CIG-Ensino tendo en conta o catálogo actual dos centros de infantil e primaria afectados por esta modificación, o incremento en prazas de Audición e Linguaxe é ridículo, apenas 28. Para obter esta cifra contabilizouse o número de centros de infantil e primaria con máis de 10 unidades de primaria que pasan a ter un AL (134) e contrastouse cos especialistas que xa aparecen no seu catálogo, dando como resultado esta cifra. Neste sentido tense en conta que no caso de centros compartidos só se computa o centro base.
No caso dos especialistas de PT o resultado é algo maior porque se propón a dotación de 1 a maiores dos que teñen actualmente por catálogo os centros de infantil e primaria con máis de 12 unidades de primaria, por unha banda, e outro a maiores para os que teñan mínimo 18 unidades de primaria, por outra. En total serían 337 centros os que cumprirían estes requisitos pero que nestes intres xa teñen 119 profesionais por riba de catálogo. Se se descontan as prazas compartidas xa existentes nos centros queda un incremento de 103.
Con todo, a CIG-Ensino pode asegurar despois de sondar a moitos centros que a suma total, 131, son especialistas que nestes intres xa están traballando de forma temporal, polo que na práctica esta addenda non supón un incremento nos postos de traballo a respecto dos actuais, senón como moito a transformación no próximo concurso de traslados de postos temporais en fixos.
Propostas da CIG-Ensino
Malia a desconfianza do sindicato maioritario por como se desenvolveu todo, este non desaproveitou a oportunidade de facer unha proposta para unha negociación real, que queda claro que quen non a quere é a administración. Partindo de dúas premisas fundamentais, que son que esta actualización tiña que abranguer todos os postos de traballo de infantil e primaria e todas as tipoloxías de centros e de que se debería abordar tamén a dotación de especialistas de PT, AL e Orientación para outras ensinanzas, a CIG-Ensino remitiu un documento á Consellaría no mediodía do xoves, tras as achegas recibidas de persoal dos centros de infantil e primaria. Un texto que a Consellaría non puido sequera analizar dado que ás 19:30 chamou para avisar de que a sinatura sería hoxe ás 10.
Unha oportunidade perdida
A CIG-Ensino lamenta que se perdera a oportunidade de poder abordar a situación actual dos catálogos no seu sentido amplo, desde a perspectiva das necesidades actuais de cada centro e tendo en conta que o máis urxente (dotación de PT e AL) non é incompatible con atender o prioritario (tamén departamentos de orientación e baixada de ratios mediante o incremento de profesionais doutras especialidades).
Por outra banda queda pendente saber como se van distribuír as 50 escasas praza anunciadas por Rueda de Orientación para os máis de 1000 centros educativos de todo o país e a suposta contratación de 200 profesionais de PT a maiores para Secundaria. A CIG-Ensino segue reclamando maior dotación de persoal de orientación, PT e AL para todas ensinanzas e tipoloxía de centros e maior dotación de persoal docente en xeral, o sentir maioritario do profesorado e da comunidade educativa que este curso se mobilizaron máis que nos últimos 40 anos para conseguir melloras para o ensino público ante a súa situación crítica polos recortes desde o ano 2010.