Destrución de Arxentina e Brasil: agasallo para Trump

Emir Sader -

A loita en Latinoamérica pasa, necesariamente, pola defensa dos principais líderes políticos do continente, como parte da resistencia democrática en contra dos réximes de excepción que se instalaron en varios países do continente

 Latinoamérica nunca estivera tan unida e integrada como cando Arxentina e Brasil deixaron de ser rivais para seren aliados, grazas a Lula da Silva e Néstor Kirchner, e posteriormente a Cristina Kirchner e Dilma Rousseff. Co fortalecemento e o alargamento de Mercosur, coa fundación de Unasur e o seu Consello Suramericano de Defensa, coa fundación de Celac - cando, por primeira vez América Latina e o Caribe pasaban a ter unha entidade súa, sen EUA e Canadá, como na OEA- nunca Washington estivera tan illado do continente. As súas apostas fracasaban, unha despois  da outra: México, Perú, Colombia, Chile.

 A volta da dereita aos gobernos de Arxentina e Brasil representou non só o final desa etapa de integración, coa desarticulación do Mercosur, de Unasur e de Celac, senón a destrución deses dous países, como economías en expansión, como gobernos con apoio popular, como nacións con políticas externas soberanas. Ningún agasallo mellor para Trump e a súa política de retorno á guerra fría.

 De economías que recuperaron a súa capacidade de crecemento, de gobernos que priorizaron as políticas sociais de distribución de renda, de presidentes que lideraron os procesos de integración rexional, pasamos a gobernos que privilexian o axuste fiscal, intensificando a recesión económica, cortando recursos das políticas sociais e acentuando as dinámicas de exclusión social, a gobernos que volven gobernar para poucos, a políticas externas de sometemento absoluto aos intereses dos EUA.

 Un militar brasileiro, xefe do Exército, que fixo unha declaración ameazante en vésperas da vista polo Supremo Tribunal Federal do habeas corpus para Lula, aclarou que, se non fixese esa declaración, a situación “sairía fóra de control”. É dicir, Lula libre, candidato e presidente de Brasil, significaría que os militares perderían o control da situación no país. Tan simple como iso. Por iso é polo que o proceso arbitrario en contra de Lula, sen ningunha proba, o acovardamento do Poder Xudicial, que impediu que o precepto constitucional da presunción de inocencia para Lula teña vixencia, permitiu a condena e a prisión de Lula, que abriu o camiño cara á vitoria electoral dun candidato de extrema dereita, mediante unha trampa xurídica e internáutica.

 A semana pasada o reingreso de Brasil na guerra fría tivo dous novos episodios: un, o nomeamento dun troglodita para ministro de relacións exteriores, alguén que di que Brasil ten que saír da globalización, que é instrumento do marxismo cultural (sic), que os problemas climáticos son invencións que favorecen a China, entre tantas outras barbaridades, tales como que Deus ten que salvar Brasil. O outro, a ruptura do programa Máis Médicos, que tiña ao redor de 8.000 médicos cubanos atendendo a máis de 2.000 cidades brasileiras e a decenas de millóns de persoas que, doutro xeito, non terían atención medica. Todo co argumento do presidente elixido de Brasil de que estaba liberando os médicos cubanos da escravitude.

 Entrementres, en Arxentina téntase avanzar na mesma dirección: a medida que se consolida o nome de Cristina como favorita para gañar as eleccións presidenciais do próximo ano, intensifícase a persecución xurídica e política contra ela. Intentan reproducir exactamente o que fixeron con Lula e intentan facer o mesmo con Rafael Correa e Gustavo Petro: a criminalización dos principais dirixentes populares latinoamericanos.

 Todo como un agasallo para Trump, que logra restablecer pontes no continente, en Arxentina, en Brasil, en Chile, en Ecuador, mentres perde os lazos carnais con México. Canto máis próximas a Washington, máis miserábeis as nosas sociedades, máis sen soberanía nin líderes populares, máis represión cara aos nosos líderes e os movementos populares.

 A loita en Latinoamérica pasa, necesariamente, pola defensa dos principais líderes políticos do continente, como parte da resistencia democrática en contra dos réximes de excepción que se instalaron en varios países do continente. Son eles os que poden volver gobernar os nosos países con lexitimidade e gran apoio popular, son eles os que poden facer con que as nosas economías volvan medrar con distribución de renda e que recuperemos a nosa soberanía externa. Son eles os que poden liderar os nosos países e os nosos pobos na loita de defensa dos seus dereitos asoballados e da nosa democracia fondamente ameazada.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 16 de novembro de 2018]

Volver