Devalar de Occidente, economía de servizo
A viraxe cara aos servizos serviu á clase capitalista occidental para eliminar as condicións que propiciaran inclinacións cara ao socialismo e o antiimperialismo nos anos 60 e 70 entre a clase obreira, a mocidade, os estudantes e as clases populares do Norte global
Se nos séculos XIX e XX Estados Unidos e Europa occidental foron protagonistas do capitalismo industrial, cuxa produción e consumo en masa cambiaron o mundo, hoxe redúcense bastante a actividade relativamente improdutiva, deprimindo o seu potencial para mellorar as súas sociedades a pesar da deterioración en que se atopan.
En gran medida a economía occidental é de turismo, bares, restaurantes, consumo de masas e de luxo, administración, goberno, drogas, servizos tecnolóxicos e financeiros, e ‘industrias’ bancaria, inmobiliaria, académica, e da saúde, publicidade, seguros, xustiza, crédito, vixilancia, seguridade, espectáculos, entretemento, películas, diversión, shows, e comunicacións dixitais, televisivas e de noticias.
Esta economía de servizos, ou ‘postraballo’, como a denominaron algúns profesores posmodernos, avanzou desde a década de 1980 en estados capitalistas principais que se desindustrializaron en boa medida liquidando parte da súa manufactura e agricultura. A actividade produtiva agora está principalmente no Sur global.
Tradicionalmente os servizos apoiaban a produción de bens para que se reproducise e ampliase, e a expansión dos servizos indicaba o progreso social alcanzado grazas á produtividade. Pero este progreso repártese de forma desigual, até o punto de que os países ricos descansan agora nos servizos. Entre estes destacan as finanzas, que ampliaron a súa poderío sobre a sociedade.
Que o Norte global se dedicase en gran medida a actividades improdutivas (en sentido estrito da palabra) foi posíbel pola inmensa riqueza de que goza e a súa hexemonía global. Esta riqueza veu da extraordinaria produtividade industrial e agrícola que os Estados Unidos protagonizaron e impulsaron internacionalmente desde a Segunda Guerra Mundial e progresou até os anos 70, un verdadeiro salto histórico da humanidade. Iniciou, por certo, un patrón norteamericano –único na historia– que segue hoxe: a guerra como parte decisiva da economía. A industria militar, venda de armas e reconstrución de países esnaquizados xeran un plusvalor grande que se inviste á súa vez en novas tecnoloxías militares e investigación e desenvolvemento científicos, todo o cal engrosa a banca.
A riqueza proveniente do traballo industrial e agrícola traduciuse en capital-diñeiro que se concentrou en monopolios globalizados. Na chamada financeirización da economía grupos superricos fan fortunas no mercado financeiro rapidamente, a diferenza das empresas industriais ou agrícolas, que acumulan ganancias só despois de procesos relativamente longos de organización e traballo. Os investimentos gravitan cara ao mundo financeiro en vez do manufactureiro ou agrícola, e tenden a monetizalo todo. De aí as privatizacións do goberno.
A ‘sociedade de consumo’ occidental vive do diñeiro de negocios transnacionais e de débeda propia e allea. Os Estados Unidos usan o diñeiro que entra na súa banca proveniente de investimentos estranxeiros e débedas de gobernos e privadas, e xunto ao diñeiro dos seus propios empréstitos financia a economía de servizo e o goberno, as empresas e o consumo nacionais. Non é unha forma recomendábel de vivir nin de administrar o estado, e podería derrubarse se se produce unha crise grave, pero é o modo de reproducir o poder cultural e político de Occidente –das súas clases altas e populares–, e así se fai facendo normal este sistema de irresponsabilidade.
A viraxe cara aos servizos serviu á clase capitalista occidental para eliminar as condicións que propiciaran inclinacións cara ao socialismo e o antiimperialismo nos anos 60 e 70 entre a clase obreira, a mocidade, os estudantes e as clases populares do Norte global. Se a produtividade era signo do potencial dos traballadores, reducila reduciu o impulso socialista. Matáronse as pulgas matando o can, por así dicilo; desmantelouse a orde sociocultural en que medraba a esquerda para liquidar a esquerda. En Europa hoxe os movementos socialistas apenas participan no debate público, en contraste coas fortes tradicións proletarias do pasado. As poboacións civís do Norte global exhiben pasividade e prostración ante o gran capital, que as asoballa e humilla, e o estado, que abertamente as vixía, espía, engana e intimida. As tendencias ‘populistas’ de ‘dereita’ –a falta de esquerda– nos Estados Unidos e Europa son probabelmente reaccións contra esta docilidade, aínda que torpes e conservadoras.
Pero os países desindustrializados dependen cada vez máis de países produtivos que fan posíbel as mercadorías manufacturadas e agrícolas: China, A India, Indonesia, Nixeria, Suráfrica, México, Brasil e moitos outros do que antes se chamou ‘terceiro mundo’. De seren estados dominantes, os países occidentais empezan a ser en certo xeito subordinados. Dependen das importacións, a súa orde monetaria é inestábel e están sumidos en débedas. Compensan a súa diminución insistindo no seu imperialismo –poder financeiro, político, militar– e na influencia ideolóxica global da cultura occidental durante cinco séculos, incluído o poder mediático: novas, lecer, espectáculos, literatura, cine, educación. A revolución dixital disparou a velocidade das transaccións á vez que consolidou o homo informaticus, un ser humano determinado pola información.
O traballo produtivo era asociado con rutina aburrida, alienación, salarios baixos, contaminación, xerarquía ríxida e represión da creatividade individual. Correspondeu coas formas inherentes á organización capitalista: progresiva explotación da forza de traballo, ditadura do capital no sitio laboral e a sociedade en xeral, e alienación dos seres humanos –segundo teorizou Karl Marx– respecto ao froito do seu traballo, ao proceso de traballo, a natureza, así mesmos, e entre si. Desde logo, o traballo podería ser diferente se progresase un poder obreiro no goberno e os centros de traballo, e se usasen tecnoloxías avanzadas.
A nova economía de servizos incorporou un popularizado rexeitamento ao traballo. Identificouse liberdade e crecemento con creatividade intelectual individual aínda que fose asalariada, expansión persoal mediante o consumo e vivir entre a gran variedade de mercadorías, imaxes, ideas e entretementos de áreas cosmopolitas ou suburbanas. Á vez, a partir dos 70 houbo unha enorme expansión da educación e o coñecemento.
Nas potencias occidentais a produción fíxose principalmente de ciencia e tecnoloxía punta, á súa vez integrada case absoluta e inmediatamente ao capital monopólico: industrias aeroespacial, microelectrónica, robótica, militar, farmacéutica, enerxética, automotriz, química, biomédica, xenética e de intelixencia artificial, e as corporacións agroindustriais. Os fabulosos adiantos científico-técnicos coexisten coa miseria que hai en tantos países, incluídos os ricos occidentais. As súas industrias fornecen relativamente poucos empregos e supoñen novas xerarquías entre grupos de salarios altos e unha gran masa de salarios moi baixos e incertos.
O sistema universitario, que agora integra ambas as beiras do Atlántico norte, é unha intensa maquinaria de formación ideolóxica de intelectuais que contribúen á reprodución do eurocentrismo e de mitos americanistas. Clases educadas de salarios altos feitas ás narrativas occidentais gozan de financiamento para o seu consumo, e a súa vida folgada adoita traducirse en apoio o imperialismo norteamericano, mesmo as súas guerras. Doutra banda, as masas populares do Norte global consomen mercadorías a prezos baixos grazas aos custos baixos da produción de corporacións occidentais en países pobres. A súa condición privilexiada alimenta ideoloxías racistas e colonialistas, e a política dos seus estados.
O diñeiro abunda en forma de fondos do estado e de crédito bancario. Nos Estados Unidos subsidios federais suxeitan clases, etnicidades e nacionalidades empobrecidas, nunha vasta cultura de non traballo que leva medio século e propicia desmoralización e actividade ilegal. Este clientelismo inclúe doutra banda a gran actividade corporativa. Fondos da Unión Europea, xunto á débeda, controlan países europeos do sur e pobres de maneira dependente e colonial.
Mentres Washington dirixe a Europa, o poder bancario traza a ruta que deben seguir gobernos e universidades. O feito abafador da débeda converte a política nunha simulación da política. Altísimos xuros debilitan ou destrúen as empresas, sobre todo as pequenas. Dispáranse os prezos de vivenda, alimentos, educación, enerxía, transporte e servizos médicos. Medra o desprezo ao traballo, diminúen a ética produtiva e a escola, e desarticúlase a orde psicolóxica e familiar.
Pero abunda excedente para incontábeis mercados e preferencias. Esta abundancia debería significar gran liberdade; con todo, pode enxergarse unha lamentábel decadencia. Depresión e felicidade confúndense nos amplos mercados de marihuana e outras drogas, os negocios de saúde ao redor da crise do corpo e a mente, concentración da atención na propia intimidade e individualidade, difusión da idea novel de nacer no corpo equivocado, etc. A liberdade occidental da subxectividade é unha crise de suxeitos ‘des-centrados’ e ‘en fuga’ e de ‘modernidade líquida’, segundo dicían literaturas exitosas, aínda que de influencia efémera, no mercado académico e a industria de teorías.
Un despotismo bancario global impediu o desenvolvemento de numerosos países, é dicir, a súa descolonización, autodeterminación e crecemento cultural, político e económico. Pero tamén oprime países ricos, como se ve actualmente en protestas airadas de agricultores en Norteamérica e Europa; a crecente miseria en Inglaterra, Alemaña e Estados Unidos; ou a redución de salarios mentres aumenta o número de billonarios.
Contraditoriamente, desde os 90 o neoliberalismo concentrou tanto o poder económico e político que forzou os países subordinados a buscar rutas propias de desenvolvemento e cobrar distancia e conciencia do imperialismo. En consecuencia, este aumenta a súa guerra mediática, económica, militar e secreta –‘híbrida’– contra os países máis desafiantes. Occidente sábese inseguro, como se ve en películas que identifican a crise norteamericana coa fin do mundo.
Se as nacións rexeitan someterse, Washington acúsaas de antidemocráticas e demoniza os seus dirixentes, caricaturizándoos como malévolos en si mesmos. A prensa fai unha selección de información para representar como ‘ditaduras’ os estados-nacións independentistas. É esencial non explicar os seus sistemas de dereito ou parlamentarios, as súas sociedades ou historias nin os seus logros, nin mencionar que Occidente se dá o luxo da banalidade improdutiva, o consumo abundante e o malgasto grazas á produtividade do Sur global.
Occidente debe frustrar sociedades produtivistas onde o estado ten un rol dirixente, máis aínda si, como China, se identifican co socialismo, xa que poden inspirar o Sur global. Busca mesmo apoderarse delas. Enrédase na contradición de que, se diminuíse a capacidade produtiva do Sur global, entón este non poderá pagar débedas nin producir mercadorías para o mercado occidental. No canto de tanta insensatez e hostilidade, as relacións internacionais deberían ser de cooperación, pero falta aínda para algo así.
A voracidade dos investimentos norteamericanos despois do colapso da Unión Soviética dirixidos a privatizar a todo meter empresas e servizos en Rusia deixou ver a fame insaciábel do capital-diñeiro, que debe engulir e privatizar cada recuncho do planeta. Os rusos detiveron o saqueo e afirmaron a súa soberanía. A voracidade financeira pode asociarse ao acoso actual de Washington e a OTAN contra Rusia mediante Ucraína. Os rusos con todo están a gañar a guerra.
Máis aínda, o cerco provocou novas colaboracións comerciais entre Rusia e países de Asia, África, o mundo árabe, América Latina e o Caribe –a maioría da humanidade, cuxo potencial comeza a aflorar– co efecto dun relativo illamento do Norte global. Hai unha nova conciencia do atraso e a mediocridade do capitalismo occidental e do infantilismo estadounidense. Pero haberá que ver canta guerra resta aínda á belicosidade norteamericana.
Un gran drama da nosa época, pois, é a reorganización do mercado mundial en favor do Sur global, os países pobres ou subordinados que agora emerxen. Ducias de gobernos queren unirse á rede de cooperación comercial BRICS, así chamada polos seus estados fundadores, Brasil, Rusia, A India, China e Suráfrica. O volume de riqueza que producen os países do BRICS xa é maior que o do ‘G7’, os estados capitalistas máis ricos, algo impensábel até hai pouco.
O discurso estadounidense representa esta loita como unha competencia entre potencias que buscan o mesmo e son igualmente perversas. Con todo, as relacións internacionais implican loitas de clases dentro dos países e entre os países. As clases traballadoras e populares reclaman cada vez máis influencia nos países emerxentes, e avanzaron máis en países onde houbo revolucións populares e nacionais.
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 23 de maio de 2024]