Dez de Marzo, a forza da memoria

Manuel Mera - 04 Mar 2021

Os feitos e as datas históricas son importantes, especialmente cando son semente para rachar cadeas, botar abaixo atrancos, superar eivas, polo que significan de liberador na construción do imaxinario colectivo dun pobo asoballado polo centralismo

 Despois de atopar pechada a factoría por decisión da dirección da empresa, por mor do conflito existente sobre o convenio colectivo, os obreiros do estaleiro da Bazán, uns catro mil, decidiron realizar unha manifestación para se dirixir á entrada da cidade. O obxectivo era sumar á protesta os traballadores da construción de Caranza, así como os que pensaban saír do estaleiro de Astano, en Fene, atravesando a ponte das Pías. Á altura das Casas Baratas sesenta grises (policía armada) cortáronlles o paso, houbo disparos da policía, os manifestantes guindan pedras e recúan, máis disparos... e caen mortos Daniel Niebla e Amador Rey. Era o dez de marzo de 1972, hai 49 anos.

 Como consecuencia da conflitividade, en realidade masacre da policía ao servizo da ditadura, dous mortos e vinte e oito feridos, declárase o estado de excepción na cidade, Bazán ficaría pechada por dez días e despois será militarizada. O cruceiro Canarias preparouse para “protexer os estaleiros”, e outro buque da Armada estaba disposto a voar a ponte de acceso á cidade. A represión sobre a clase obreira non se fixo esperar: segundo fontes policiais son detidas 169 persoas, 130 operarios serán sancionados coa perda de emprego, 45 son xulgados por asociación ilícita, e unhas 200 persoas pasaron á clandestinidade. Cifras que outros informes aumentan a 160 despedidos na Bazán e outros cen noutras empresas da bisbarra.

 A solidariedade en toda Galiza cos traballadores da Bazán non se fixo esperar e amosou o alto nivel de conciencia social que existía no momento, tendo en conta a situación de represión. Realizáronse paros durante varios días nas empresas da comarca de Vigo e manifestacións, e tamén na Coruña, Lugo, Ourense e Compostela, aínda que de menos intensidade. Nalgunhas cidades, especialmente en Compostela, uníronse ás protestas os estudantes. Os xornais do 17 de marzo sinalaban que xa se restablecera a normalidade nas empresas de Vigo.

 As protestas dos traballadores do estaleiro ferrolán tiñan a súa orixe na reivindicación dun convenio provincial, xa que se consideraban prexudicados polo de ámbito estatal no que estaban integrados. A súa foi unha reivindicación que na práctica coincidía coas consignas do nacionalismo, que estaba agromando en sectores da mocidade. Aínda que a hexemonía neste ámbito era daquela dunha organización sindical de ámbito estatal, Comisións Obreiras, controlada polo PCE, mais que tamén sumaba militantes anarquistas e nacionalistas.

 Pouco despois folga xeral de setembro de 1972 en Vigo, que abrangueu durante 15 días a toda a industria e construción, deu un novo pulo á loita social, porén tamén ás contradicións existentes no movemento sindical, e ao fusco do franquismo. Xorden previamente, como unha escisión das mocidades comunistas, a OMLG e Organización Obreira (OO). Opóñense ao pacto con sectores do réxime, usan como única lingua o galego, e un sector defínese como nacionalista. A dura represión desartella OO, porén dá un novo pulo ao nivel de conciencia na clase obreira e abre unha fenda na hexemonía do PC no eido sindical, pola que se insire a UPG (o movemento nacional-popular galego), que mantén unha postura máis radical e coherente que os de “Carrillo” no social e respecto da soberanía nacional de Galiza.

 O ano 1972, o dez de marzo, polo grao da represión e como antecedente ao acontecido durante ese ano heroico foi escollido como Día da Clase Obreira Galega. De aí a súa transcendencia, máxime cando está tan unido ao nacemento do sindicalismo nacionalista e de clase. Os feitos e as datas históricas son importantes, especialmente cando son semente para rachar cadeas, botar abaixo atrancos, superar eivas, polo que significan de liberador na construción do imaxinario colectivo dun pobo asoballado polo centralismo. Cómpre lembrar con orgullo sucesos como a loita contra os Trastámara no século XIII, a revolta irmandiña do século XV, a Revolución de 1846 que definía a Galiza como unha colonia da Corte e defendía co fusil a dignidade deste pobo, o Banquete de Conxo en 1856, a insurrección de mariñeiros e obreiros no ano 1872 en Ferrol, a folga xeral de tres días en 1932 en toda Galiza para evitar o peche da Naval, ou sexa da actual Navantia de Ferrol...

 

[Vigo, 3 de marzo de 2021]

 

https://obloguedemera.wordpress.com/