Dez de marzo de 1972, cambios e ensinanzas dunha loita
Non é casual que o Dez de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, sexa valorado con tanta énfase polo nacionalismo galego, xa que as loitas dese ano (e seguintes) confrontaron coa ditadura, fixeron medrar a conciencia de clase e nacional e deron alento ao agromar do sindicalismo nacionalista, porque foi o que deu a resposta máis axeitada á nova etapa que se abriu
Os acontecementos que se desenvolveron o 10 de marzo de 1972 na cidade de Ferrol foron a abertura dunha nova etapa, que implicaron en pouco tempo un salto cualitativo da clase traballadora galega na loita a prol da democracia e dunhas condicións laborais dignas. Un avance que, hai que lembrar, se deu no marco dunha ditadura que negaba os dereitos máis esenciais.
Os traballadores/as do estaleiro Bazán levaban tempo mobilizándose a prol dun convenio de empresa, xa que estaban en desacordo coas disposicións negociadas no convenio interprovincial e coa representación sindical que o asinou. Por iso, o día 9 de marzo concentráronse diante do estaleiro esixindo un convenio provincial (de factoría), a readmisión dos despedidos durante as mobilizacións por esta reivindicación, o dereito a realizar asembleas e un adianto económico mentres durase a negociación. A contestación da empresa foi autoritaria: o peche patronal do estaleiro e o desaloxo dos traballadores utilizando os “grises” (policía armada).
Ao día seguinte, ou sexa o 10, os operarios concentráronse diante da Bazán coa finalidade de conseguir a reapertura. Porén, como as portas estaban pechadas, uns catro mil operarios dirixíronse á entrada da cidade, co obxectivo de sumar á protesta tanto os traballadores da construción de Caranza como os de Astano, en Fene, que se esperaba fixesen o propio despois de atravesar a ponte das Pías. Mais, á altura das Casas Baratas, sesenta “grises” lles cortaron o paso coa intención de dispersalos. Houbo disparos da policía, os manifestantes guindan pedras e recúan, e máis disparos dos “grises”... Caen mortos Daniel Niebla e Amador Rey, e outros vinte e oito operarios son feridos de bala. A policía sobe aos coches e marcha do lugar, e os manifestantes aproveitan a situación para axudaren os compañeiros feridos e trasladalos ao hospital.
Como consecuencia do enfrontamento, as forzas de seguridade ocupan a cidade, despois de recibir reforzos, declarándose o estado de excepción en Ferrol. Ese mesmo día, o cruceiro Canarias preparouse para “protexer” os estaleiros, e outro buque da Armada estaba disposto a voar a ponte de aceso á cidade. A Bazán ficará pechada por dez días e despois será militarizada.
A nova sobre a dura represión, os mortos e feridos, estendeuse axiña pola comarca, e as empresas comezan a parar. Unha solidariedade que se alarga axiña a toda Galiza. En Vigo, ese mesmo día Vulcano e Barreras van á folga, e nos días seguintes outras empresas da cidade seguen o seu exemplo; o 15 de marzo faise unha masiva concentración na Porta do Sol. Tamén se realizaron protestas e paros de importancia en empresas da Coruña e na Universidade de Compostela.
O réxime contestou á mobilización obreira do único que xeito que sabía e quería facer, cun aumento das medidas represivas, tanto policiais como laborais. Segundo fontes oficiais, na comarca de Ferrol son detidas 169 persoas, 130 operarios serán sancionados coa perda de emprego, 45 son xulgados por asociación ilícita e unhas 200 persoas pasaron á clandestinidade. Outros informes aumentan a 160 os despedidos na Bazán e cen máis noutras empresas da bisbarra.
Estes foron, en resumo, os dramáticos feitos do dez de marzo de 1972, que precederon unha loita dunha gran dimensión na comarca de Vigo, cunha folga que se estende durante dúas semanas, e chegou a abranguer 28.000 obreiros/as da industria e construción, así como ao estudantado. A confrontación de marzo e setembro de 1972 da clase obreira galega contra a ditadura tivo consecuencias políticas e sociais de moita transcendencia. Porén, deixou sobre todo ensinanzas ás forzas que loitaban contra a ditadura e a prol dunha sociedade xusta e unha patria soberana, que coido convén lembrar, xa que lle dan un significado especial ás folgas xerais en 1972, en Ferrol e Vigo, para alén do heroísmo que demostraron os traballadores da Bazán, e todas aquelas empresas que se sumaron ás folgas xerais de Ferrol e Vigo. A saber:
- a) O sistema foi incapaz de xestionar o conflito coa eficacia anterior, xa que a utilización exclusiva da represión non respondía á situación económica e social do momento. Había sectores da burguesía que procuraban rachar coas limitacións políticas para expandir os seus negocios no exterior, e aumentar a taxa de beneficios, e o movemento obreiro tiña un maior peso e quería gañar participación xusta na riqueza producida, nun período no que o aumento dos beneficios empresariais era evidente. A tendencia represiva do réxime xa non contaba co mesmo favor dos sectores conservadores da poboación e da igrexa, e o contexto internacional era máis favorábel aos procesos de liberación, democratización e a un maior protagonismo das clases populares.
- b) O conflito acelerou o proceso de converxencia, nomeadamente na mocidade, entre aqueles sectores que accedían á loita contra a ditadura dende o ámbito do nacionalismo, moi ligados á reivindicación identitaria e ao aspecto cultural, e aqueles que diverxían do xiro á dereita do Partido Comunista, tanto polo que implicaba o Pacto pola Liberdade, como por non ter en consideración na súa práctica cotiá os dereitos nacionais de Galiza. A escisión de CCOO e das mocidades do PC na Galiza, especialmente en Vigo, dando orixe a Organización Obreira e a OM-LG, foi o resultado das das diverxentes caracterizacións do franquismo. A participación da UPG na loita de Castrelo de Miño, e especialmente a ligazón de Moncho Reboiras e Galicia Socialista coas folgas de 1972 en Vigo, foron sinónimo tanto do contido popular do nacionalismo galego como dunha progresiva evolución na que, xa nesa altura, se consideraba a clase obreira como o cerne do proceso de liberación nacional, en alianza cun campesiñado que seguía a ser numericamente maioritario.
- c) A dura represión contra os cadros obreiros, especialmente en Ferrol e Vigo, deixaron durante un tempo (1973-1974) un baleiro que o nacionalismo sería quen de ocupar. Foi así malia ser a UPG un partido con poucos militantes e mínima incidencia no mundo do traballo. Mais dotouse de ferramentas de análise da realidade axeitadas (o marxismo-leninismo) e fixo unha lectura correcta da realidade, da correlación de forzas, do estado de ánimo e dotouse dunha folla de ruta acaida. Foi así, porque organizou e lle deu un papel á propaganda e á axitación e, moi especialmente, planificou e executou con iniciativa e teimosía o traballo militante, ligando as reivindicacións inmediatas co obxectivo estratéxico. Polo tanto, non foi unha casualidade. Non abondou con ligar o nacional e o social, nin coa vontade militante, nin con ter un bo aparello de axitación. O rápido avance do nacionalismo durante eses anos, mesmo superando forzas que, como o PC, era hexemónica no movemento obreiro, foi resultado da suma de todos estes factores, internos e externos.
Non é casual polo tanto, que o Dez de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, sexa valorado con tanta énfase polo nacionalismo galego, xa que as loitas dese ano (e seguintes) confrontaron coa ditadura, fixeron medrar a conciencia de clase e nacional e deron alento ao agromar do sindicalismo nacionalista, porque foi o que deu a resposta máis axeitada á nova etapa que se abriu.
[Galiza, 9 de marzo de 2026]