Dicotomía Israel-Hamas: Quen é quen?

Lidón Soriano - 14 Dec 2023

Non esquezamos que nin é unha guerra, nin é contra Hamas. É un ataque indiscriminado, inhumano, monstruoso, co único obxectivo de exterminar o pobo palestino. Quen non se sitúe contra esta barbarie, non esixa o cesamento do fogo, o cumprimento do dereito internacional e a desmontaxe dos alicerces racistas do Estado de Israel, pasará á historia como cómplice deste xenocidio

 O outro día, un mozo duns 20 anos preguntoume con aire ameazante e como se a pregunta fose de gran complexidade que era peor: Israel ou Hamas. De entrada, defendía que Israel existira sempre, falacia que moita xente desinformada toma como verdadeira. Israel reitera esa mensaxe, mais non explica que a fonte principal da súa historia antiga son as sacras escrituras: a Biblia hebrea ou o Talmud entre outros, é dicir, os libros que nos contan que o primeiro home se chamaba a Adán e a súa muller foi creada dunha das súas costelas. Israel, de feito, investiu miles de millóns en prospeccións arqueolóxicas que confirmen a súa existencia en tempos remotos, mais en 75 anos non logrou unha soa proba que o confirme.

 O único constatábel é que Israel foi creado en 1948 de forma unilateral por un movemento, autodefinido como nacionalista e colonialista, denominado sionismo que constitúe a esencia do Estado de Israel. Este movemento fundado en Europa en 1897 estabeleceu desde o principio o obxectivo de crear un Estado xudeu na terra de Palestina e como movemento colonial, desde o principio, formulou a necesidade de expulsar a poboación indíxena, os palestinos, e quitarlles as súas terras. O Estado de Israel non só se creou unilateralmente, senón que foi resultado dunha guerra que terminou co roubo do 78% da terra de Palestina e a expulsión do 80% dos seus habitantes, sobre todo cristiáns e musulmáns. Feito que o historiador israelí Ilan Pappé definiu como «a limpeza étnica de Palestina». En xuño de 1967, ocupou militarmente o 22% que lles deixou aos palestinos e aínda que a Resolución da ONU 242 o obriga a abandonar os territorios ocupados desde novembro dese mesmo ano, a día de hoxe continúan ocupando ilegalmente Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste.

 Sobre a pueril pregunta do novo, querería salientar que, por desgraza, o binomio Israel-Hamas é unha falsa dicotomía creada por Israel e que os grandes medios lograron instaurar nas mentes do común dos mortais. Os medios de comunicación de masas xogan o papel que quere o poder, igualando os dous contendentes no que chaman «a guerra entre Israel e Hamas». Pero resulta que todo o enunciado, de principio a fin, é falso: nin é unha guerra, nin é entre Israel e Hamas.

Por que non é unha guerra?

 Primeiro, porque os que se enfrontan son Israel, potencia que ocupa o territorio dun pobo, e o pobo palestino, que é o ocupado. Ademais, hai que lembrar que, ao ser Israel unha potencia ocupante, o dereito internacional obrígaa a protexer o pobo ocupado. Mais non só non o coida, senón que lle nega todos os dereitos básicos. Aplícalle desde hai décadas todo tipo de castigos colectivos, como denuncian sistematicamente as principais organizacións de dereitos humanos, que cualifican de apartheid as políticas israelís cara ao pobo palestino. Como dixo Craig Mokhiber, exdirector da Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos da ONU, na súa carta de dimisión do 28 de outubro: Israel, sen dúbida ningunha, leva décadas cometendo un xenocidio sobre o pobo palestino.

 Non é unha guerra porque se enfrontan un país, Israel, co quinto Exército máis poderoso do mundo, contra un pobo sen país que, ademais, non ten Exército.

 É certo que ten homes armados, mais non son un Exército, senón mozos palestinos que, como fariamos calquera ante unha invasión estranxeira que tentase botarnos das nosas casas e cidades, defenden as súas familias do roubo de terras, de seren encarcerados, da destrución aleatoria e dos asasinatos selectivos e masivos que desde hai décadas leva a cabo Israel sobre a poboación palestina, tal e como informa desde hai anos a ONG B’tselem. As accións que realizan os palestinos para se protexeren da ocupación ilegal israelí denomínanse «resistencia» e as que realiza a mocidade palestina coas súas escasas e precarias armas, «resistencia armada».

 Mais estas accións non son exclusivas do pobo palestino. A resistencia en todas as súas formas, incluída a armada, practicárona todos os pobos ocupados: os españois fronte á ocupación francesa en 1808, e os partisanos franceses e os xudeus do gueto de Varsovia baixo a ocupación da Alemaña nazi. E, ademais, a resistencia armada dos pobos baixo ocupación ten o respaldo do dereito internacional. A Resolución 3070 da ONU reafirma «a lexitimidade da loita dos pobos por se librar da dominación colonial estranxeira e da subxugación foránea por todos os medios posíbeis, incluída a loita armada».

  Non, non se trata dunha guerra, trátase dun novo, brutal, inhumano e sen precedentes ataque do ocupante, Israel, sobre o ocupado, o pobo palestino, que se defende lexitimamente segundo o dereito internacional vixente.

 E non, non é contra Hamas

 Hamas é un partido relixioso de dereitas que xorde en Palestina en 1987 co apoio e promoción de Israel, que buscaba unha forza política que se opuxese á OLP, a única representativa do pobo palestino até daquela. Pódense compartir os seus postulados ou non, mais iso é o que é. O único evidente é que Israel non está a atacar a Hamas.

 Na parte palestina de Xerusalén, onde Hamas non existe, Israel expulsa das súas casas a familias palestinas, musulmás e cristiás, para llelas dar aos colonos, sen outro motivo que non seren xudeus, nun claro exemplo de limpeza étnica. En Cisxordania, onde non goberna Hamas, Israel encarcera a civís sen cargos, destrúe infraestruturas civís, destrúe campos de cultivos e de oliveiras, déixaos sen auga potábel, asasina impunemente cos seus soldados ou os seus colonos, quen nestes meses de ollada cara a Gaza xa expulsou os palestinos de máis de 30 aldeas.

 E na Franxa de Gaza quedou patente que Israel non ataca obxectivos militares, senón sistematicamente á poboación civil. Por primeira vez, convertéronse os hospitais e o persoal sanitario en branco dos ataques, que violan flagrantemente o dereito internacional humanitario.

 Dos case 20.000 asasinados por Israel en dous meses (máis que en Ucraína en dous anos) o 70% son mulleres e nenos, civís indefensos. Israel asasinou a máis nenos que en toda a guerra dos Balcáns ou nas dúas invasións a Iraq en 1991 e 2003. Sete de cada dez hospitais en Gaza foron destruídos ou inutilizados e parte do seu persoal asasinado. Israel destruíu o principal hospital de Gaza, Al-Shifa, co pretexto de que Hamas tiña alí as súas bases e non se atopou rastro de corredores subterráneos nin un centro de operacións que non fose a dirección do hospital. Israel bombardea escolas da ONU que só albergan a menores, mulleres e anciáns.

 Mais non son só os masacres, son o frío e a fame, porque os deixaron sen casa, sen roupa de abrigo, sen alimento e sen auga potábel. Os cadros de diarrea en nenos estanse a multiplicar por 100. Segundo o portavoz de Unicef, James Elder: «Non hai palabras dabondo que poidan describir as atrocidades cometidas contra os nenos de Gaza».

 O secretario xeral adxunto para Asuntos Humanitarios da ONU, Martin Griffith, dixo que é o peor que viu nunca e definiu a situación como «apocalíptica» e unha «carnizaría total». O propio secretario xeral, António Guterres, invocou o artigo 99 da Carta Fundacional para parar este exterminio ignominioso que debería interpelar, se non aterrorizar, a todas as persoas de bo corazón.

 Non somos conscientes de que a permisividade social e institucional cara a esta barbarie está liquidando a orde mundial tal e como o coñecemos até agora e pódenos abocar a unha desorde mundial onde manden psicópatas guiados por intelixencia artificial. Se non paramos esta tolemia e mantemos vixente, cumprindo e facendo cumprir, o dereito internacional xurdido tras a II Guerra Mundial, entraremos nun mundo rexido pola lei da selva.

 Así que, contestando ao mozo ignorante que me preguntou si era peor Israel ou Hamas, a resposta é obvia: Israel.

 E non esquezamos que nin é unha guerra, nin é contra Hamas. É un ataque indiscriminado, inhumano, monstruoso, co único obxectivo de exterminar o pobo palestino. Quen non se sitúe contra esta barbarie, non esixa o cesamento do fogo, o cumprimento do dereito internacional e a desmontaxe dos alicerces racistas do Estado de Israel, pasará á historia como cómplice deste xenocidio. Díxoo o arcebispo Desmond Tutu: «Permanecer neutral ante unha situación de inxustiza é optar polo opresor».

 Estamos a asistir ao holocausto do século XXI, cometido agora polo Estado de Israel. Como dixo Martin Bubber, filosofó xudeu criado no sionismo, ao ver en que se ía convertendo Israel: «Cando nós (seguidores do xudaísmo profético) volvemos a Palestina, a maioría dos xudeus preferiron aprender de Hitler antes que de nós».

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 11 de decembro de 2023]