Dignificar o traballo de coidados, mellorar as condicións laborais

Nacional -

Seis meses despois de comezar unha pandemia que non ten marcada data de caducidade, as residencias de maiores, onde máis estragos provocou a covid, seguen sen ter o reforzo de persoal necesario. Os recortes de 2012 –que provocaron a perda de máis de 700 persoas traballadoras– persisten pero a carga de traballo, xa excesiva antes, viuse incrementada agora cos novos protocolos introducidos.

Por iso as traballadoras e traballadores destes centros, especialmente sensibles, manteñen as mobilizacións en demanda de reforzos humanos, mais tamén de melloras nas súas condicións laborais. Queren que se lles devolvan os dereitos arrebatados e exixen algo tan simple como dous días ininterrompidos de descanso semanal, librar a metade de domingos e festivos alternos en cómputo anual e a súa compensación en tempo. Deste xeito rebaixaríase a carga de traballo e posibilitaríase a contratación de máis persoal.

Calidade asistencial

As súas demandas inclúen tamén a de contar con material para equipos de protección suficiente, tanto para unha situación normal, como para unha de illamento. Mais tamén un escrupuloso cumprimento das medidas preventivas.

Non queren seguir camiñando cara a un modelo no que as persoas sexan tratadas como números dos que obter un valor produtivo. Os coidados, a atención ás persoas, ten que ser o centro. Para iso é imprescindíbel garantir a calidade asistencial a todos os niveis, nomeadamente cun bo cadro de persoal especializado, formado e suficiente. Un cadro de persoal especialmente feminizado ao que cómpre recoñecer o valor do traballo que desenvolve na súa xusta medida.

Volver