Dobre xornada de mobilizacións en Lalín e Rodeiro para reclamar máis persoal de Correos

As protestas, apoiadas pola CIG, desenvolvéronse de mañá e tarde para demandar a cobertura das prazas vacantes e mellores condicións laborais
Lalín - 18 Nov 2025

O persoal da Unidade de Reparto de Lalín desenvolveu hoxe unha dobre xornada de mobilizacións, co apoio da CIG-Correos, para demandar a cobertura das prazas vacantes e reclamar melloras nas condicións de traballo.

Despois da protesta que tivo lugar o pasado xoves día 13 en Pontevedra baixo o lema ‘Máis persoal para o servizo postal’, nesta ocasión a central optou por convocar dúas concentracións, en Lalín pola mañá e en Rodeiro pola tarde.

As persoas traballadoras seguen a denunciar a falta de persoal na Unidade de Reparto, que abrangue os concellos de Lalín, Rodeiro, Dozón e Agolada, o que supón unha perda de calidade no servizo pola sobrecarga de traballo que están a padecer.

Na concentración da tarde, a primeira mobilización que fan en Rodeiro tras caravana de vehículos que percorreu os catro concellos o verán pasado, participaron varios membros da corporación municipal, entre eles o alcalde, José Luis Camiñas, para mostrar o seu apoio ás persoas que prestan o servizo de reparto na localidade.