Dous pediatras e medio para atender a 4.000 nenas/os en Carballo

Carballo -

A federación de Saúde da CIG demanda da Xerencia da área sanitaria da Coruña que dote o centro de saúde de Carballo co persoal de pediatría suficiente para garantir unha atención de calidade. Explican que o centro presta atención nestes momentos a 4.072 nenas/os en idade de 0 a 14 anos, con dous pediatras a xornada completa e outro a media xornada, cando no centro de saúde están creadas catro prazas a xornada completa e outra media (compartida co centro de saúde de Malpica).

Porén, unha das prazas está, a día de hoxe, vacante e sen cobertura, “polo que a súa axenda leva bloqueada desde o mes de xuño.” Ademais, esta praza xa estivo durante moitos meses sen cobertura por baixas prolongadas, até finalmente quedar vacante.

Á falta de cobertura deste cota de pediatría (que leva anos así) engádese agora a ausencia doutra pediatra que non é tampouco substituída, “pretendendo a Xerencia que os dous profesionais que quedan a xornada completa, xunto con outra pediatra que atende a partir das 12:00 horas, coiden a todos os/as pacientes. “Isto xa pasou durante o verán, argumentando entón a administración que non dispoñía de profesionais para substituír, e volve repetirse agora no mes de outubro. Será agora tamén por falta de profesionais ou será máis ben por unha cuestión puramente económica?”, pregúntanse dende CIG-Saúde da Coruña.

Para atallar esta situación, a CIG demanda que, cando menos,  se substitúa unha destas dúas ausencias de pediatría de xeito inmediato, e con respecto á praza vacante que se inicie o proceso para a súa cobertura seguindo os procedementos establecidos.  “Non é de recibo este trato coa poboación infantil de Carballo!”, aseveran.


Volver