Dúas novas localidades súmanse ás mobilizacións para denunciar que a política forestal do PP “queima os montes e as casas”

A plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ fai público o manifesto que se lerá ao remate das 28 concentracións que terán lugar este xoves 21
Nacional - 20 Ago 2025

As localidades da Cañiza e de Ponteareas tamén acollerán mobilizacións este xoves 21 para rexeitar a política forestal do PP “que queima os nosos montes e as nosas casas”, de xeito que a iniciativa promovida pola plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ ante a actual vaga de lumes incluirá un total de 29 concentracións por todo o país a partir das 20:00 horas.

A plataforma -integrada por máis de 50 colectivos, asociacións e organizacións e que naceu en 2018 para promover varias ILP de protección do bosque autóctono e de racionalización da xestión do monte e para amosar a súa oposición ao último Plan Forestal aprobado pola Xunta- fixo público hoxe o comunicado ao que se lle dará lectura ao remate de cada unha das mobilizacións. [CONSULTA O DOCUMENTO AO FINAL DA NOVA].

As concentracións servirán para trasladarlle a solidariedade do pobo galego tanto ás persoas afectadas como a todo o colectivo de profesionais de prevención e extinción, “que outra volta traballa en condicións de absoluta precariedade, abandono e falta de medios”.

E para denunciar que a “traxedia ambiental, social, cultural e económica” que provocan os lumes é consecuencia directa do abandono do rural e da aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido son as que máis inflúen nas vagas incendiarias. Neste sentido, e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta para o 31 de decembro, consideran necesario reclamar unha moratoria indefinida, tal e como sinala o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Con esta iniciativa tamén se quere evidenciar que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) “é unha ferramenta inútil”, que foi aprobado sen debate nun Consello Forestal da Galiza no que non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e co medio rural.

Fronte a isto, preténdese trasladarlle á sociedade que a verdadeira política de prevención pasa por ter un monte multifuncional e sustentábel coa implicación da veciñanza comuneira e das persoas titulares particulares nesta posta en valor. “Para garantir esta multifuncionalidade faise preciso reclamar da Consellaría do Medio Rural que retome a liña de axudas para a valorización integral do monte, así como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR)”.

LUGARES E HORAS DAS MOBILIZACIÓNS

-A Cañiza, 20h, diante do Concello.

-A Coruña, 20h, Obelisco.

-Allariz, 20h, Campo da Barreira.

-Betanzos, 20h, Praza da Constitución.

-Cangas, 20:30h, diante do Concello.

-Carballo, 20h, Praza do Concello.

-Celanova, 20h, Praza Maior.

-Compostela, 20h Praza Roxa.

-Ferrol, 20h, Edificio da Xunta.

-Lalín, 20:30h, Praza da Igrexa.

-Lugo, 20h, Edificio da Xunta.

-Melide, 20h, Praza do Convento.

-Monforte, 20:30h, Praza de España.

-Monterroso, 20h, diante do Concello.

-Noia, 20h, diante do Concello.

-O Porriño, 20h, distrito forestal (Multiusos de Torneiros).

-Ourense, 20h, Praza Maior.

-Padrón, 20h, diante do Concello.

-Ponteareas, 20h, diante do Concello.

-Ponte Caldelas, 20h, Alameda.

-Pontevedra, 20h, Praza da Peregrina.

-Ribadavia, 20h, Praza Maior.

-Ribadeo, 20h, diante do Concello.

-Ribeira, 20h, Praza do Concello.

-Verín, 20h, Praza do Concello.

-Vigo, 20h, Farol de Urzaiz.

-Vilagarcía, 20h, diante do Concello.

-Vilalba, 20:30h, Praza da Constitución.

-Viveiro, 20h, diante do Concello.