Ducias de persoas mobilízanse contra a privatización do servizo de Axuda no Fogar de Chantada

Piden paralizar a medida e que non "se faga negocio coa saúde e o benestar das e dos nosos maiores"

Chantada -

Ducias de persoas acompañaron esta tarde as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Chantada na manifestación que realizaron contra a decisión do Goberno municipal de privatizar este servizo a partir do próximo mes de xaneiro. A mobilización, que partiu do local da CIG e discorreu polas rúas do centro da vila, serviu para visibilizar o rexeitamento que a externalización suscita entre a veciñanza.

Ao remate da protesta, as traballadoras agradeceron o apoio recibido e animaron as veciñas e veciños a sumarse á súa loita para lograr "paralizar a privatización do servizo para facer negocio coa saúde e o benestar dos nosos e das nosas maiores". Lembran que a concelleira de Servizos Sociais, Cándida Carnero, non dubidou no ano 2012 "en poñerse tras dunha pancarta como esta, cando houbo un intento de privatizar os centros de día. Daquela entendía que o privado non era o mellor para ela. Pero como cambia o conto dependendo de quen saia afectada!", denunciaron.

O colectivo de traballadoras subliña que leva moitos anos coidando das persoas maiores e dependentes do municipio como traballadoras do Concello de Chantada, pero advirten que "debido aos intereses do alcalde, Manuel Lorenzo, e da concelleira, vannos vender a una empresa, o que carrexará que os nosos coidados empeorarán, reducíndose as horas de prestación de servizos nos domicilios, entre outras cousas".

Cúmulo de despropósitos

Neste senso, cómpre apuntar que no día de onte, a comisión de Goberno aprobou un contrato menor cun bufete de avogados/as para a redacción da normativa e das bases do concurso do SAF. "É dicir, o Goberno segue para adiante coa súa teima e como semella que non lle vai dar tempo de licitar o concurso antes de final de ano, parece que ten intención de facer un contrato-ponte mentres non haxa unha adxudicación definitiva. En definitiva, un conxunto de despropósitos innecesarios e absurdos", subliña Xosé Manoel Silva, responsábel da Unión da CIG de Monforte.

O Goberno local tampouco explicou ás traballadoras aínda que mecanismos ten previstos para garantir a súa subrogación na empresa que resulte adxudicataria ou que alternativas baralla se as empregadas (algunhas levan máis de 20 anos prestando este servizo) non aceptan este cambio. En todo caso, Silva xa adianta que a CIG vai realizar todas cantas accións sindicais e legais estean a súa disposición para frear a externalización do SAF.

Intentos de esquirolaxe

Doutra banda, hai que salientar que a Intervención municipal emitiu varios informes en contra da intención do Goberno de contratar persoal para substituír as traballadoras en folga, algo que supón unha ilegalidade manifesta e atenta directamente contra os dereitos fundamentais. Ademais non deixa de chamar a atención que propoñan contratar persoal de maneira temporal cando están fixados uns servizos mínimos abusivos do 95% da actividade e cando unha das escusas que pon o alcalde para xustificar a privatización do servizo é precisamente a presunta dificultade para atopar traballadoras/es para cubrir as ausencias.

Volver