“É extremadamente urxente unha reunión na que a alta dirección de Endesa aclare as súas intencións nas Pontes”

Persoal das auxiliares, o conxunto do pobo das Pontes e da comarca, concentráronse en Santiago
As Pontes - 13 Set 2019

Centos de persoas mobilizáronse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza para denunciar as consecuencias que a falta de actividade da central térmica de Endesa nas Pontes ten sobre todos os sectores económicos da vila e da súa comarca e para demandar información respecto das tres xuntanzas que o Goberno galego se comprometeu a tramitar e que foron xa solicitadas, segundo comunicaron representantes da Xunta nunha reunión que se celebrou hoxe mesmo.

O que inicialmente estaba previsto como unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, converteuse despois nunha manifestación cun posterior corte de tráfico.

Entre mentres, celebrábase no interior da sede da Xunta unha reunión na que, en representación da CIG, participou Alberte Amado e á que asistiron tamén o alcalde das Pontes, representantes de UGT e CCOO e representantes dos transportistas. Por parte da administración encabezaba a comitiva a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; o secretario xeral da consellaría de Economía e o Director Xeral de Enerxía.

Endesa paralizou hoxe as obras de reforma de dous grupos

Entre as conclusións da xuntanza, Amado sinala que as partes coincidiron en considerar que “é extremadamente urxente unha reunión coa alta dirección de Endesa para que aclare as súas intencións na central das Pontes”.

Neste sentido, o representante da CIG aclara que “non podemos seguir dando pasos nesta situación sen saber o que pensa a dirección de Endesa” e entende que a multinacional ten que falar cos sindicatos e en presenza da administración pública, tanto cunha representación da Xunta de Galiza, como co concello e o propio Ministerio. “Ten que explicar o que pretende facer coa central térmica, máis logo de que hoxe paralizase as obras de reforma de dous grupos porque, aínda que di que as paraliza temporalmente, iso pon en cuestión a viabilidade futura da planta´”, advirte Amado.

Xunto a isto, na reunión tamén coincidiron na necesidade de impulsar as tres xuntanzas que o goberno galego se comprometeu a tramitar: coa dirección de Endesa en Madrid (para esixirlle que non tome medidas que afecten ao emprego), co Ministerio de Transición Ecolóxica (para pedir a modificación do chamado 'céntimo verde'), e co comisario europeo de Enerxía e Acción polo Clima (para abordar a regulación do mercado de emisións de CO2).

Xuntanzas cuxa solicitude xa foi, segundo explicaron, tramitada mediante escrito asinado polo propio presidente da Xunta. “Entendemos que o goberno galego algo de peso terá para conseguir que se celebren”.

Próximas mobilizacións

Así as cousas, para o vindeiro luns día 16 de setembro teñen prevista unha concentración, ás 11:00 horas, diante do Viceconsulado italiano na Coruña, polo conflito dos beneficios sociais de Endesa, que segue aberto, e ás 12:00 horas trasladarán as protestas á Delegación do Goberno, na Coruña para denunciar a paralización da central térmica.