"É un escándalo que nin Endesa nin os gobernos teñan aínda alternativas de emprego e industrialización para As Pontes"

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advirte "que non hai transición, senón unha auténtica demolición"
As Pontes - 13 Xul 2021

Representantes da CIG, CCOO e UGT compareceron esta tarde en rolda de prensa para denunciar o absoluto abandono no que Endesa e os gobernos español e galego están deixando os traballadores e traballadoras da central térmica e ao conxunto das Pontes, ao non ofrecer garantías de continuidade do emprego nin proxectos de reindustrialización. A conferencia para os medios produciuse no marco da acampada indefinida que o persoal das auxiliares iniciou hai xa unha semana diante da Casa do Concello para esixir solucións inmediatas.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, criticou a falta de actuación de Endesa, o goberno español e a Xunta de Galiza "que nos deixan aos pés dos cabalos", evidenciando que "non estamos diante dun proceso de transición enerxética xusta, senón ante unha auténtica demolición".

Carril cualificou de "escandaloso" que, malia coñecerse dende hai tempo o peche da central, "non se teña posto en marcha ningunha medida para paliar o impacto laboral e económico que supón o peche da central e aínda estean sen definir os proxectos de industrialización". Por iso, puxo a atención na falta de políticas públicas para afrontar o proceso de descarbonización "xa que son os consellos de administracións das empresas os que deciden esta demolición, porque non se lle pode chamar transición ao que está acontecendo, mentres os gobernos se limitan a regular e financiar o deseño feito polas grandes empresas". 

Neste senso, acusou a Endesa de querer abandonar as Pontes sen asumir ningunha responsabilidade "despois de espoliar os nosos recursos durante décadas, de terse enriquecido millonariamente e pretendendo, por enriba, seguir mantendo unha posición de oligopolio na produción de enerxía".

Sen resposta á solicitude de reunións urxentes

Por iso, que os gobernos continúen sen atender as reivindicacións que o persoal e as centrais sindicais veñen facendo dende hai meses e sen considerar as propostas para dar unha saída "é unha burla". Criticou que, a estas alturas, o presidenta da Xunta de Galiza, a ministra de Transición e a ministra de Traballo non teñan recibido ás centrais, malia as reunións urxentes solicitadas xa o pasado 7 de xuño para abordar que proxectos concretos se instalarán nas Pontes, definir os prazos (pois tanto as propostas doutras compañías como os proxectos nos que participa Endesa non estarían operativos antes do ano 2023) e que impacto van ter na xeración de emprego e na economía da localidade.

Nesta liña, hai que subliñar que todos os plans industriais anunciados até o de agora ligan a súa materialización a que consigan os fondos europeos, demostrando así a falta dunha política industrial e supeditando o presente e o futuro da comarca á concesión desas axudas.  Fronte a isto, o secretario xeral da CIG salientou que as administracións teñen obriga de garantir unha transición xusta e que este proceso non se faga a conta do emprego nin de desmantelar unha comarca enteira. "Os goberno deben obrigar a Endesa a negociar o mantemento dos postos de traballo e a planificación, de maneira conxunta, dunha proposta industrial para As Pontes", concluíu.