Economía capitalista: conflito e poder sindical

Lluís Rodríguez Algans e Jon Las Heras - 28 Out 2019

Mentres que o voto cidadán se está a demostrar excesivamente volúbel e, polo xeral, escorado cara ao mantemento de maiorías parlamentarias que apostan pola servidume ao poder económico, a militancia e afiliación sindical seguen sendo a forma fundamental para garantir e avanzar en dereitos laborais, condicións salariais, de emprego e vida

Non se hai que fiar dos discursos económicos dominantes

Se ao estudantado de economía se lle pide que defina conceptos como explotación, capitalismo, sistemas económicos, crise económica, poder económico ou clases sociais veremos un xesto de total confusión, senóon de indiferenza: “pero se a min só me aprenden a facer derivadas de que me falas?”. Con toda probabilidade, as estudantes descoñecerán correntes de análise económica e correntes da economía política alternativa ou radical: as perspectivas kaleckiana e postkeynesiana, regulacionista, institucionalista, ecoloxista e feminista, as múltiples formas de entender o marxismo ou as concepcións de economía socialista e autoxestionaria, impulsadas por economistas de ámbito nacional e internacional[1].

 Isto é, sen dúbida, unha moi mala nova. Porén, malia a teimuda vontade de quen posúe o poder académico e político por marxinar, agochar e silenciar as devanditas correntes, a realidade é que a economía capitalista real e, desde logo, as relacións laborais existentes enténdense principalmente cos conceptos antes ditos. Estes conceptos tamén deron lugar a cursos de introdución á economía política como base de plans de estudos e investigación alternativos pero, e malia a necesidade de ampliar as miras, o sistema económico dominante e os seus aparellos políticos e ideolóxicos reprodúcense a través do que algúns autores denominan como a “dimensión vertical” ou o “poder de clase”.

 O poder de clase no capitalismo pódese entender como a autoridade e poder que exercen desde as empresas, propietarios, directivos ou perfís de supervisores e responsábeis sobre traballadoras con, por exemplo, a ameaza de sanción ou despedimento; a forma na que intelectuais e tecnócratas de diversa índole argumentan para deliberadamente desposuír a persoas “non expertas” de calquera conciencia crítica, evitar preguntas indesexadas, sequera realizar propostas alternativas; así como o poder institucional da patronal, gobernos e, eventualmente, algunhas organizacións obreiras conservadoras sobre o resto de segmentos da clase traballadora, en contraposición con aquela máis combativa e organizada en sindicatos de contrapoder, á hora de establecer o “modelo de país”. Todos estes aspectos condicionan e determinan as decisións sobre a organización do traballo e a produción, o intercambio ou comercio, o investimento, a explotación, o excedente e os procedementos a seguir para distribuír ese valor económico producido entre salarios e beneficios. En definitiva, non se hai que fiar dos discursos económicos dominantes, porque a ideoloxía e política liberais determinan a forma na que a nosa sociedade capitalista se reproduce materialmente e esta condiciona, á súa vez, a nosa forma de pensar e interactuar co próximo.

 Esta explicación se cadra pode parecer demasiado teórica ou abstracta. Quizais cun par de exemplos concretos derivados de procesos de crise empresarial, enmarcados nos ciclos e crises económicas recorrentes no capitalismo, sexa posíbel engarzar o discurso académico coa realidade económica e das relacións laborais, apuntando así á necesidade imperiosa de desenvolver unha actitude crítica para organizar prácticas máis subversivas e emancipadoras da realidade que nos rodea.

 O pasado ano 2018 nun grupo empresarial en Euskal Herria dedicado á fabricación de tubaxe industrial de aceiro, a súa dirección presentou un plan de reestruturación que buscaba “asegurar a viabilidade empresarial” afectando principalmente á planta produtiva situada en Sestao e Trapagaran, en Bizkaia. Este plan consistía en aplicar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para o despedimento colectivo de 157 traballadores dun total de 420 (maioría homes), a redución dun 25% dos salarios para aqueles que non fosen despedidos, e o peche da fundición da planta que implicaba a medio prazo o peche desta na comarca. O persoal, organizada en varios sindicatos, promoveu unha oposición razoada na ausencia de causa económica e produtiva para o despedimento colectivo e o peche da fundición. Durante o proceso esixiu a documentación e información necesaria para realizar, por medio dos seus gabinetes técnicos, unha análise económica de viabilidade industrial que resultou certeiro e permitiu manter o emprego e a industria, como se demostrou posteriormente. Á súa vez, malia a cobertura legal, polas reformas laborais de PSOE e PP (2010-2012), e a vontade do grupo empresarial de despedir a xente e pechar a planta, situada nunha comarca de permanente desindustrialización, os traballadores organizaron unha folga indefinida de xornada completa que se alongou 43 días até que a dirección cedeu e retirou o ERE, feito moi pouco habitual neste tipo de procesos, sen impoñer posteriormente medidas de despedimento ou redución salarial. Esta folga, secundada por todo o persoal e impulsada principalmente polos sindicatos vascos ELA, LAB e ESK, dun perfil reivindicativo, de contrapoder, tivo o apoio das respectivas caixas de resistencia para que os traballadores puidesen manter un nivel suficiente de ingresos malia a perda de salario por exercer o dereito a folga. Doutra forma e con outras formulacións sindicais, sería imposíbel o mesmo resultado.

 Durante o conflito, o Goberno Vasco, con competencias tanto en Industria (PNV) como en Traballo (PSOE), tratou de “mediar” en clave de dialogo social ante a solicitude do grupo empresarial acurralado pola presión sindical de folga, coa intención de debilitar a posición de poder sindical e as reivindicacións demandadas. Porén, a mediación non foi aceptada e non conseguiron os seus obxectivos. A expresión do conflito neste caso, nun sector industrial masculinizado, centrouse en quen paga a contracción económica cando existiu un abundante repartimento de beneficios en anos anteriores. A defensa do emprego, a actividade industrial e do salario resultou efectiva grazas á oposición destes sindicatos aos plans do grupo empresarial, en contraposición a un grupo empresarial que pensa primordialmente en maximizar rendibilidade e beneficios, ou a un goberno que tenta intervir en defensa dos intereses dos seus empresarios. A lóxica de concertación social, a mediación do goberno entre o traballo e o capital, perseguía coa falaz procura do “termo medio”, permitir que se impuxesen os obxectivos empresariais[2].

 Imaxina agora unha situación na que estás na sala de reunións dunha empresa do sector dos coidados, sector feminizado, por exemplo, unha residencia de persoas maiores e dependentes ou hospital privado con 35 traballadoras. Estás nunha xuntanza moi tensa porque a empresa abriu un proceso legal de negociación coas delegadas sindicais para unha redución salarial por dificultades de liquidez e de viabilidade económica. Ou dito doutra forma, a empresa expón que non ten suficiente ingreso para facer fronte aos gastos e busca ter máis folgura financeira, que pode impoñer de forma legal grazas ás reformas laborais citadas do PP e PSOE (2010-2012). O economista ou contábel da empresa expón que o peso dos salarios na estrutura de custos é moi superior ao doutras empresas competidoras do sector, polo que resulta imprescindíbel acometer unha redución salarial para manter a empresa en pé. Es nova neste tipo de situacións e non sabes se crer ou non as palabras desa persoa que se fai chamar “experta” e que parece vela polos intereses de toda a empresa.

 Pero á beira, tes unha compañeira bastante reivindicativa e informada e responde, sen dubidar, que o que a empresa comenta é certo, pero que non é debido aos pretendidos altos salarios cobrados polas traballadoras, senón porque a estrutura salarial está desproporcionadamente inclinada cara a arriba, é dicir, porque os cargos de dirección dobran o nivel de salarios de referencia na negociación colectiva sectorial, o que implica que a súa redución ao nivel de convenio permitiría equilibrar as contas. Os salarios elevados da dirección, á súa vez propietaria, é a forma de repartir beneficios antes que estes se produzan. Faise o silencio na sala, e todas as presentes se decatan de que sen dúbida se chega ao momento de expresión dun conflito de poder, o clásico conflito distributivo no sistema capitalista entre salarios e beneficios disfrazados a través de altos salarios, nunha situación de crise económica. Finalmente, o conflito resólvese a través das canles habituais: convócase unha folga indefinida por todo o cadro de persoal, que forza efectivamente á dirección a reducir os seus salarios ao nivel do convenio sectorial como primeira acción de viabilidade, previa a avaliar outras medidas.

A acción sindical é crucial

 A anterior crise económica deixounos unha chea de experiencias sindicais e de folgas parecidas que ben analizadas nos axudan a sintetizar algunhas conclusións de interese. O contexto de crise económica axuda a entender rápido e xeneraliza ben como funciona o capitalismo. Á súa vez, a crise económica obriga á revitalización do poder sindical, se se quere facer fronte á discrecionalidade e unilateralidade do poder empresarial e patronal, elementos indisociábeis da dinámica económica capitalista.

 Parece obvio e necesario que o sindicalismo combativo, de contrapoder, gañe capacidade de intervención nas súas múltiples dimensións: gañando maior número de afiliación, militancia e organización para repartir as diferentes tarefas que supoñen poñer o poder empresarial contra as cordo. É tamén crucial seguir un programa de transformación, que busque sistematicamente aumentar a capacidade de acción colectiva e confrontación tanto no ámbito da empresa como cos poderes político-económicos sempre hostís coa clase traballadora.

 Mentres que o voto cidadán se está a demostrar excesivamente volúbel e, polo xeral, escorado cara ao mantemento de maiorías parlamentarias que apostan pola servidume ao poder económico, a militancia e afiliación sindical seguen sendo a forma fundamental para garantir e avanzar en dereitos laborais, condicións salariais, de emprego e vida. Á súa vez, a acción sindical, a organización traballadora nos centros de traballo, as folgas, permiten democratizar os conflitos e debates económicos, re-politizando así a unha gran parte da poboación a quen os debates televisivos sobre como se debe xestionar un país lle quedan lonxe. Porén, aquelas cuestións das condicións de traballo como o salario, a xornada ou da dinámica produtiva da empresa ou sector, quédannos moi preto, podemos comprendelas transformalas e incidir nelas. Confiar plenamente nas elites políticas e empresariais non fai máis que reducir a capacidade crítica de cada cal, xa que os nosos intereses non se poden incorporar completamente no discurso daquelas persoas que, en definitiva, non nos tratan fraternalmente. Pensamos pois que a acción sindical é crucial á hora de xerar novos lazos de solidariedade e consolidar orientacións de política económica que nos permitan alcanzar maiores cotas de democracia económica e benestar social partindo desde a experiencia particular de cada cal.

_________________________________________________________________________

[1] Véxase www.heterodoxnews.com para atopar unha ampla rede de académicas, universidades e asociacións que traballan por impulsar unha economía diferente a nivel mundial, como a Union for Radical Political Economics en Estados Unidos. Véxanse tamén www.isipe.net así como www.rethinkeconomics.org para contactar con estudantes que buscan e promoven unha educación alternativa en economía política. No Estado español atopamos a Asociación de Economía Critica, o Instituto de Ciencias Económicas e da Autoxestión (ICEA), Economía Crítica e Crítica da Economía (ECCE), Seminari d’Economía Critica Taifa, Plataforma pola Democracia Económica, Rede de Teoría Monetaria Moderna, ATTAC, FUHEM Ecosocial, Ecoloxistas en Acción ou tamén economistas, sociólogas e asesoras laborais participantes do observatorio ToShare ou o Foro de profesionais do asesoramento laboral e social da Universidade do País Vasco/EHU.

[2] Os traballadores de Productos Tubulares non acrediantan na necesidade do ERE e esixen as contas á empresa (El Mundo País Vasco, 10-4-2018); Tubos Reunidos solicita a Goberno Vasco a súa mediación no conflito de Productos Tubulares (Europa Press, 16-4-2018) e Comité de Empresa de Productos Tubulares non comparte a solicitude de Tubos Reunidos para que Goberno vasco medie (Europa Press, 16-4-2018); Productos Tubulares anuncia a retirada do ERE que propuña despedir 157 traballadores (Naiz, 17-4-2018); Productos Tubulares pide paz social a cambio de retirar o ERTE (Deia, 16-6-2019); O comité de Trapagaran pide retirar o ERTE “sen condicións” (Deia, 28-6-2019).

_________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web El Salto, do 24 de outubro de 2019]