Ecuador, a capital electoral de América Latina

Alfredo Serrano Mancilla -

Todo parece indicar que a Revolución Cidadá seguirá sendo a forza máis votada. O interrogante está en saber se terá votos suficientes para gañar en primeira volta. A batalla electoral é en Ecuador, pero toda a rexión está pendente do que aí suceda

As eleccións do 19 febreiro en Ecuador son algo máis que unhas eleccións calquera. Esta cita transcende a política interna. A nivel rexional, o que está en xogo é a hipótese da fin de ciclo. Si gaña a Revolución Cidadá, non haberá evidencia empírica electoral que sirva como base para seguir proclamando que os procesos de cambio chegaron ao seu punto final. Mais se se perde, entón, será difícil argumentar o contrario.

 Até o momento, en chave electoral presidencial, na América latina progresista a dereita só foi capaz de gañar unha vez nos últimos quince anos. 1 de 24. Unha porcentaxe pírrica do 4%. Entre Lula e Dilma obtiveron 4 vitorias en Brasil. Néstor e Cristina venceron 3 veces en Arxentina; Macri foi o único que logrou gañar nas urnas como representante da dereita. En Venezuela, entre Chávez e Maduro, foron 4 vitorias. Entre Tabaré e Mujica, 3 en Uruguai. Evo venceu nas últimas 3 citas electorais. En Nicaragua, Ortega vai pola terceira vitoria consecutiva. E en Ecuador, até o momento, Correa gañou nas 3 últimas ocasións.

 Porén, este patrón de vitorias electorais viuse parcialmente contrarrestado polo acontecido nos dous últimos anos. Tanto en chave electoral como no político e económico, houbo un refluxo dos procesos de cambio. Perdéronse dúas citas electorais importantes non presidenciais: lexislativas en Venezuela e referendo en Bolivia. E tamén é certo que se observa un relativo desgaste en canto ao entusiasmo e respaldo das maiorías se é que o comparamos co que sucedía hai unha década. No entanto, este desencanto emerxente non se traduce inmediatamente en presidentes de dereita naqueles países progresistas.

 É por todo iso que o que enfronta Ecuador vai máis aló do que a elección entre dous modelos antagónicos de país. Ademais, esta vez, ante a ausencia de Correa como candidato presidencial, tamén se pon en cuestión o asunto da sucesión despois de fortes liderados. Recentemente, en Arxentina, a aposta Scioli non saíu ben. E agora en Ecuador, a Revolución Cidadá ten o desafío de gañar sen Correa como candidato. Lenin Moreno é quen ten a tarefa de facelo fronte a dous opositores que representan o mesmo pero con caretas distintas. Lasso e Viteri veñen representar bicefalicamente unha proposta regresiva para Ecuador. Do mesmo xeito que sucedeu en Arxentina, ambos non lograron chegar a acordos para formular unha candidatura de Unidade. Esta opción unitaria, tan de moda en Venezuela, segue sendo o desexo desde fóra para dobregar as propostas progresistas. Pero polo momento, en cada país, as dereitas están máis fragmentadas do que lle gustaría ao poder económico internacional.

 Ecuador probabelmente seguirá a ser o laboratorio para que a dereita continúe buscando escándalos que logren cambiar a axenda de campaña. Fixérono con Evo; fixérono con Cristina; e fixérono permanentemente contra o chavismo. E seguramente, xa terán preparados algúns ases baixo a manga para enlamar as próximas semanas de campaña. De feito, xa aterraron en chan ecuatoriano os asesores de Clinton e Obama para empezar a guerra sucia contra a Revolución Cidadá. E polo seu lado, Viteri comezou a recitar o manual de sempre pero cunha performance máis próxima na onda Capriles-Macri. É dicir, os globos de cores non tardarán en chegar. E no caso de Lasso, atrapado polo seu pasado de banqueiro, apela a outro clásico: que ninguén pague impostos. Ambos procuran gañar con manobras arcaicas pero presentándose como o novo.

 Falta apenas un mes para saber o que pasará finalmente. Todo parece indicar que a Revolución Cidadá seguirá sendo a forza máis votada. O interrogante está en saber se terá votos suficientes para gañar en primeira volta. A batalla electoral é en Ecuador, pero toda a rexión está pendente do que aí suceda. Se gaña un banqueiro, o neoliberalismo reseso poderá sacar peito; se gaña Viteri, a “nova” dereita presumirá das súas habilidades de sedución electoral; mais se gaña a Revolución Cidadá, espero que os agoireiros ao xeito de Fukuyama calen por uns meses e se dediquen a outro tipo de profecías.

 

[Artigo tirado do sitio web CELAG, do 16 de xaneiro de 2017]

 

Volver