Ecuador, hora cero

Juan Manuel Karg -

Ecuador está ante a súa hora cero. Só hai dúas opcións no cuarto escuro: a continuidade da Revolución Cidadá, despois dunha década de transformacións sociais, ou o retorno a un goberno conservador, que terminaría por cambiar a correlación de forzas a nivel rexional

A hora chegou: Lenín Moreno enfrontarase co banqueiro Guillermo Lasso, nunha elección que terá repercusións rexionais sexa cal for o resultado. Rafael Correa detectou, moito tempo antes que analistas, politólogos e economistas da rexión, o intento de “restauración conservadora”, tal como o chamou hai tempo, que comezaba a despregarse sobre América Latina e o Caribe. Despois chegaron Macri e Temer, que en poucos meses dilapidaron o termo de “nova dereita” co que algúns pretendían enfeitalos: depreciación, despedimentos e “tarifazos”, no caso arxentino, e privatizacións, recortes no investimento social e terceirización empresarial, no brasileiro, conformaron o cadro de pauperización social crecente en ambos os países, lonxe de calquera gradualismo e preto da ortodoxia económica que sempre esixiu o FMI e os organismos multilaterais de crédito xurdidos tras Bretton Woods.

 Si Ecuador ten a latitude cero, en Mital del Mundo, a quilómetros de Quito, este domingo terá a hora cero latinoamericana. Se Lenín gaña, a “restauración conservadora” rexional terá un brusco freo. De o facer o banqueiro Lasso, a loita de modelos que se evidencia hai anos en América Latina sumará un novo goberno de dereita. Por iso, os ollos de toda a rexión pousarán alí, nese país que, aínda que diminuto, tivo crecente participación rexional e global durante o correísmo, chegando a conducir, na actualidade, o bloque G77 China, de 134 países emerxentes da Organización de Nacións Unidas.

 Dous exemplos concretos pódennos axudar a comprender a dimensión da disputa electoral: Julian Assange e Unasur. No caso do fundador de Wikileaks, xógase literalmente a súa supervivencia, ante o anuncio de Lasso de que será desaloxado da embaixada ecuatoriana en Londres, onde permanece hai xa case un lustro, privándoo do asilo que lle fora outorgado pola administración de Correa. Respecto de Unasur, o organismo rexional que foi fundado en 2008 ten a súa sé na propia Mitad del Mundo, sendo Ecuador un dos seus principais impulsores durante esta case década. Con Lasso no goberno, a orientación rexional cambiaría subtancialmente, pedindo o ingreso como membro pleno na Alianza do Pacífico, para o que deberá avanzar no asinamento de diversos TLC, tal como a normativa pide. Que acontecerá coa sede “Néstor Kirchner” da Unasur, baixo unha hipotética presidencia de Lasso? Retirarase finalmente Ecuador do ALBA, tal como o banqueiro deixou transcender antes da primeira volta? Ambas as preguntas deixan entrever a orientación dun posíbel goberno de CREO en torno á integración rexional sudamericana.

 Pero Lasso conta cunha desvantaxe evidente: aínda que utilizou o slogan do “cambio” durante estes meses, Macri xa goberna e Temer tamén. Polo tanto, non pode mostrar a Arxentina e Brasil como os exemplos a seguir en materia económica, visto e considerando o aumento nos índices de pobreza e desemprego verificados nos países máis importantes do Cono Sur tras a chegada dos gobernos conservadores. Influirá ese escenario ao momento do voto, tal como parecen indicar as últimas sondaxes, que outorgaban a Moreno unha vantaxe máis nítida? Haberá que ver.

 Polo momento Ecuador está ante a súa hora cero. Só hai dúas opcións no cuarto escuro: a continuidade da Revolución Cidadá, despois dunha década de transformacións sociais, ou o retorno a un goberno conservador, que terminaría por cambiar a correlación de forzas a nivel rexional. Os ecuatorianos definirán o seu futuro nas urnas, coa rexión expectante ante o minuto a minuto que chegue desde Quito.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página 12, do 31 de marzo de 2017]

 

Volver