Educación "á dianteira nos recortes e á cola na restitución de dereitos ao seu persoal docente"

A CIG-Ensino despregou unha faixa desde unha fiestra do edificio da Consellaría que retirou o servizo de seguridade de San Caetano

Nacional -

Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse esta mañá diante da consellaría de Educación para denunciar os recortes no sistema educativo público galego e a situación do profesorado “á cola na restitución dos dereitos” que lles foron suprimidos so pretexto da crise. Entre mentres, un grupo de representantes sindicais despregaron, desde o interior da consellaría, una faixa que denunciaba esta situación, e que foi rapidamente retirada polos servizos de Seguridade de San Caetano.

Con esta acción a CIG-Ensino advertía á consellaría de Educación que “non parará de reivindicar a apertura de negociacións” para devolverlle o horario lectivo ao profesorado galego: as 18 horas máximas semanais en Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial e as 21 en Primaria e Infantil. Un horario que permitiría unha mellor atención educativa, facer desdobres, reforzos e apoios, ademais de recuperar de forma paulatina os 3.000 postos de traballo perdidos desde os recortes da chegada de Feijóo ao poder.

Nese sentido o secretario nacional, Suso Bermello, lembrou que o horario lectivo si foi restituído noutras seis comunidades. Por iso afirmou que “Galiza foi á dianteira nos recortes e agora estamos á cola na devolución dos dereitos roubados”.

Para Bermello a volta aos 18 períodos lectivos máximos en Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial e aos 21 en Primaria e Infantil “redundaría nunha mellora da calidade educativa porque o profesorado podería dedicar o seu tempo ao realmente importante, a preparación das clases, ademais de poder ter unha atención máis individualizada naqueles centros con aulas masificadas ou no caso de existir alumnado con NEAE (necesidades específicas de atención educativa)”.

Para a CIG-Ensino esta decisión tería, ademais, un efecto inmediato no aumento de postos de traballo e na redución de profesorado que imparte materias afíns, que nestes momentos acada cifras escandalosas. “Máis da metade do profesorado que obtivo destino provisional este curso vai impartir materias ou ámbitos que non son os da súa especialidade”.

A diminución de ratios e das itinerancias e a perda de postos de traballo ou o aumento da precariedade para o persoal interino e substituto, foron outros dos asuntos que Bermello considerou relevantes para protagonizar a Mesa Sectorial de Educación. Un órgano que a Consellaría está a “baleirar de contido converténdoa nun mero altofalante das normas e dos trámites ordinarios da súa xestión”, denunciou.

Faixa de protesta na propia consellaría

Varios representantes sindicais da CIG-Ensino aproveitaron para despregar unha faixa reivindicativa desde a parte alta do edificio administrativo da Consellaría coa reivindicación do horario lectivo que foi rapidamente retirada pola seguridade de San Caetano.

 

Volver