Educación aproveita o verán para seguir pechando centros e recortar aulas e postos de traballo

A Consellaría avanza na política de desmantelamento do ensino público
Nacional - 26 Xul 2017

A mércores 26 de xullo, en pleno verán, a Consellaría de Educación volve recortar unidades e postos de traballo, incidindo un ano máis no que xa é unha práctica habitual do Goberno galego. Ao recorte de 31 postos de traballo realizado nos Concellos de Outes, As Pontes, O Porriño e Ribadavia hai que sumar agora a supresión de 5 escolas unitarias; 6 unidades e  9 postos de traballo nos centros rurais agrupados; e 58 unidades e 91 postos de traballo en centros de educación infantil e primaria.

Logo dun estudo realizado pola CIG-Ensino sobre a Orde do 6 de xullo de 2017 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes desta consellería nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial, publicada hoxe 26 de xullo, atopámonos con que se suprimen 5 escolas unitarias; 6 unidades e  9 postos de traballo nos centros rurais agrupados; 58 unidades e 91 postos de traballo en centros de educación infantil e primaria (destas unidades 33 son de primaria e 36 de infantil).

As cifras de peche de aulas e de redución de postos de traballo non se vén para nada compensadas polo escasos incrementos de postos de traballo que tamén se inclúen na orde, que actualiza os cadros de persoal dos colexios galegos. Así créanse un total de 30 unidades que implican 57 novos postos de traballo.

Pero, na realidade, explican dende CIG-Ensino, estes postos e aulas non van supoñer ningún incremento no total de persoal docente en activo, xa que se trata de postos que xa estaban operativos e que agora se oficializa no DOG a súa creación aos efectos de seren ofertados no próximo concurso de traslados.

“En definitiva, o saldo final das modificacións introducidas pola Consellaría supón a eliminación de 39 unidades e 53 postos de traballo”, denuncian. A este recorte anunciado hoxe hai que sumar o recorte de 31 postos de traballo realizado nos Concellos de Outes, As Pontes, O Porriño e Ribadavia.

A estas cifras engádense ás de anos anteriores resultando que, en seis anos, a Consellaría de Educación leva suprimidas 64 escolas e 437 unidades. Todo isto mentres se manteñen ou incrementan os orzamentos destinados ao ensino privado.

“A Consellaría segue adiante coa política de desmantelamento do ensino público, antepoñendo os criterios economicistas á calidade da educación. Un desmantelamento que incide especialmente na atención ás necesidade educativas específicas e que vai redundar na masificación das aulas debido ao incremento das rateos e a imposibilidade de realizar desdobres, así como á redución de oferta de aulas e de profesorado no medio rural, provocando que se agrupe a un maior número de alumnado de diferentes niveis e mesmo etapas educativas”, conclúen.