Educación búrlase de profesorado e alumnado na regulación da coordinación de benestar e convivencia

O texto remitido a Mesa Sectorial pretende que o profesorado realice un traballo sen tempo nin remuneración
Nacional - 08 Xun 2023

“Tarde, mal e a custe cero”. Así é como denuncia a CIG-Ensino que pretende a consellaría de Educación implantar nos centros educativos galegos unha figura creada polo goberno estatal e que debería estar xa en pleno funcionamento neste curso escolar a piques de rematar. 

No anteproxecto de orde remitido pola Consellaría para a súa negociación na Mesa Sectorial, prevista para o martes 13 de xuño, a administración galega pretende cumprir, sen o máis mínimo esforzo, a obriga da Lei orgánica 8/2021 de protección integral á infancia e á adolescencia no ámbito educativo, na que se indica que en todos os centros nos que cursen estudos persoas menores de idade debe existir unha coordinadora ou coordinador de benestar e protección do alumnado. De feito, no presente curso escolar asignóuselle esa función a profesorado dos centros sen ningún tipo de compensación horaria.

A CIG-Ensino considera impresentábel e unha burla tanto ao profesorado como ao propio alumnado que se pretenda asignar toda unha serie de funcións a unha profesora ou profesor sen contar con tempo suficiente para facelo nin equiparalo coas outras figuras de coordinación, tanto na redución de horario lectivo para desempeñar eses cometidos como co pago do complemento correspondente.

Que funcións propón a Consellaría para a persoa coordinadora?

  1. Que unha persoa se faga cargo dunha extensa relación de tarefas, entre as que están a coordinación do plan de convivencia, a resolución pacífica de conflitos, ser a referencia para toda a comunidade educativa para casos de violencia no propio centro ou na contorna, comunicar coa policía ou garda civil en caso de risco para menores, promover plans de formación para profesorado, alumnado e familias, promover unha alimentación saudábel ou accións relacionadas co tratamento ilegal de datos persoais de menores de idade.
  2. Que se coordine co departamento de Orientación para promover, coordinar ou fomentar diferentes accións que melloren a convivencia e o benestar emocional do alumnado.
  3. Que se coordine coa ANPA do centro para promover plans de formación.
  4. Que elabore un plan de traballo anual.

A Consellaría non ten en conta, á hora de asignar estas funcións, a realidade actual do traballo dos departamentos de Orientacióne en vez de reforzar estes departamentos e aumentar o persoal docente desta especialidade opta por sobrecargar de traballo e de burocracia a quen vaia asumir esta responsabilidade.

Que ofrece a Consellaría por esa responsabilidade e traballo?

Nada!!!

Porque nada é descontar 2 horas das complementarias fixas: gardas no caso de secundaria e horario de permanencia no centro en infantil e primaria, polo que o profesorado a quen se lle asigne esta función verá incrementado dun xeito importante a súa carga de traballo mantendo o total do seu horario lectivo.

Porque nada é indicar que se terá dereito a cobrar o complemento por función titorial, que xa cobra todo o profesorado con horario lectivo completo, que tamén terá a persoa coordinadora, xa que non se reduce este horario de docencia como se fai noutras coordinacións e xefaturas de departamento.

A CIG-Ensino exixe unha rectificación da orde e a equiparación destas funcións coas coordinacións recoñecidas oficialmente

O sindicato entende que esta proposta non se sostén, que ningún ou ningunha docente pode ser obrigada a unha responsabilidade sen que esta teña recoñecida unha redución do seu horario lectivo e unha remuneración como é debido. Así, a CIG-Ensino agarda unha rectificación do documento e que se presente na Mesa unha proposta que recolla:

  1. Redución horaria de cando menos 3 horas lectivas.
  2. Homologación retributiva coa xefatura de departamento e as coordinacións oficiais
  3. Extensión desta figura a todos os centros e non só aos que escolarizan menores

A Consellaría négase agora a recoñecer as coordinacións e xefaturas de departamento que se comprometeu a aprobar

A orde que se presenta para recoñecer unha nova figura de coordinación é unha mostra de que a proposta da CIG-Ensino de crear oficialmente novas coordinacións e departamentos sen necesidade de mudar os ROC é perfectamente factíbel, como tamén recoñeceu a propia administración na Mesa Sectorial e agora se nega a executar.

Neste sentido, a CIG-Ensino denuncia a falta de vontade da Consellaría para incorporar nesta orde o recoñecemento a todos os efectos (redución de horario lectivo e pago de complemento) ás seguintes funcións:

  • Coordinacións que se realizan nos centros e que non figuran nos ROC: coordinación de Igualdade ou de programas internacionais en IES, entre outros.
  • Xefatura de departamentos dunha 2ª lingua estranxeira diferente do Francés (Portugués, Alemán, Italiano)
  • Xefatura de departamentos dos ámbitos comúns na FP Básica nos CIFP.
  • Xefatura de departamento de ciclos de FP en Centros de Educación Especial.