Educación continúa coa externalización da certificación do coñecemento de linguas

Anuncia dous exames de certificación B2 e C1 que levará a cabo a Alianza Francesa

Nacional -

A CIG-Ensino volve denunciar a externalización dos exames de certificación de linguas logo de anunciar, a consellaría de Educación, que dous exames de nivel B2 e C1 os levará a cabo a Alianza Francesa. Advirte que agora é o francés e logo será o portugués e reclama que sexan as Escolas Oficiais de Idiomas as entidades que formen e certifiquen os coñecementos do profesorado galego en todas as linguas.

A CIG-Ensino denuncia que esta externalización supón un gasto que se retrae do orzamento do ensino público galego. Explica que a administración anunciou que será a Alianza Francesa quen levará a cabo as certificacións en B2 (DELF), e C1 (DALF), iso si, “usando o persoal do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para a súa xestión”.

Para a CIG-Ensino, a formación do profesorado “non pode ser unha forma de financiar entes externos”, máis aínda cando as EOIs teñen entre as súas funcións expresas levar a cabo esta formación, tal e como se pode ler no Decreto 189/2010, do 11 de novembro, polo que se establece o Regulamento Orgánico das Escolas Oficiais de Idiomas da Comunidade Autónoma de Galiza.

Por iso reclama que sexan as EOI´s as entidades que formen e certifiquen os coñecementos do profesorado galego en todas as linguas.

Volver