Educación debe dotar os centros para dar resposta á atención á diversidade e ás necesidades de orientación

A CIG-Ensino exixirá a cobertura de todas as vacantes na Mesa Sectorial
Nacional - 20 Out 2017

O martes 24 de outubro está convocada unha Mesa Sectorial docente na que, entre os documentos a debate, está o concurso específico de Orientación. A CIG-Ensino demandará que se cubran todas as vacantes existentes, mais tamén exixirá, novamente, que se creen todas as prazas necesarias para garantir a calidade no ensino para todo o alumnado.

Neste sentido, a Federación da CIG entende que todos os centros deberían ter unha persoa de Pedagoxía Terapéutica (PT) e outra de Audición e Linguaxe (AL) e que se deberían incrementar estas prazas en todos aqueles centros que de forma continuada veñen tendo alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE), para que este poida ter continuidade ao longo da súa escolarización, así como para poder levar a cabo programas de estimulación e de prevención.

A rede de orientación, posta tantas veces como escusa pola Administración para non dotar definitivamente os centros destes recursos humanos, segue sen estar feita e moitos centros educativos seguen sen contar con este persoal. Na actualidade, a situación de cada centro amosa diferenzas enormes: orientadores/as que realizan itinerancias entre máis de dous centros (pasando dun CEIP a unha escola unitaria no mesmo día), que teñen que atender a etapas educativas moi diferentes, cun número de alumnado excesivo, etc.

A orientación e a atención á diversidade en Infantil e Primaria

A CIG-Ensino defende que os centros de Educación Infantil e de Primaria de máis de 6 unidades deberían ter o seu propio departamento de Orientación. Pero isto non é así e a Consellaría só dota con departamento propio aos centros que teñen que ter 12 unidades de Educación Primaria, xa que as de Educación Infantil non contan para a administración.

En Educación Primaria, a Consellaría só dota con departamento de Orientación propio aos centros que teñen12 unidades

 "É obvio que un primeiro paso na liña de ampliar o servizo de orientación pasaría por dotar do mesmo os centros con 12 unidades en total, ampliando con máis postos a partir das 18 unidades. Hai centros hoxe en día que polo seu tamaño e masificación precisan contar xa con outra persoa de Orientación", sinalan.

Nos destinos provisionais de Primaria adxudicáronse 118 itinerancias de 166 prazas en total. O compartimento de centros, que para a CIG-Ensino debería ter carácter excepcional, pasou nos últimos anos a ser habitual e volve confirmarse na oferta de vacantes do concurso de Orientación deste ano.

Para o sindicato nacionalista só se poderían incluír centros incompletos que estean na mesma zona de escolarización. "Demandamos que se comparta excepcionalmente só cun centro e que se teña en conta, ademais do número de unidades, o alumnado que se vai a atender e as distancias entre os centros. Por outro lado, demandamos que na negociación das prazas se teñan en conta estas circunstancias", engaden.

Partindo de que todos os centros deberían ter unha persoa de PT e outra de AL deberíanse de incrementar estas prazas en todos aqueles centros que de forma continuada veñen tendo alumnado con NEAE, para que puidesen ter continuidade ao longo da súa escolarización, así como tamén para poder levar a cabo programas de estimulación e de prevención. Moitas das prazas que se ofertaron como “atención preferente” poderían cubrirse con carácter definitivo, ficando esas prazas en comisión de servizos para casos puntuais, moi específicos e xustificados.

Por tanto, a Consellaría debería abrir unha negociación para superar os límites actualmente existentes nos cadros de persoal do corpo de mestres para as especialidades de Orientación, PT e AL. Todo iso, sen esquecer que cada curso varían as necesidades de moitos centros, polo que sempre é importante contar coa necesaria dotación de especialistas de PT e AL.

Orientación en Secundaria e na FP

En Secundaria constátase que o funcionariado existente é insuficiente para cubrir as prazas que se ofertan, polo que sería necesario que saísen máis postos na oferta de emprego. "Hai datos obxectivos que así o aconsellan", asevera a CIG-Ensino. Por exemplo, no concurso de traslados 2016/17 ficaron sen cubrir 23 das 54 vacantes ofertadas e este curso 2017/18 adxudicáronse 51 prazas de orientación no CADP de secundaria para persoal interino. Tamén é necesaria a cobertura inmediata das baixas con carácter inmediato.

O funcionariado existente en Secundaria é insuficiente para cubrir as prazas que se ofertan

 A Orientación en Secundaria é hoxe máis complexa que nunca e o profesorado con destino provisional, que cambia cada ano de destino, atópase con que pode pasar dun CPI no medio rural, no que atende alumnado de Infantil, Primaria e ESO, a un CIFP no que o seu labor é fundamentalmente de orientación laboral. En calquera caso, trátase de IES masificados e nos que atopan serias dificultades para desenvolver o seu traballo.

Cómpre, por tanto, modificar os cadros de persoal de especialistas de Orientación en Secundaria dotando de máis recursos humanos a aqueles centros que o precisen. Nestes recursos estaría incluído tamén o aumento das prazas de mestras e mestres de PT e AL que foran precisas. Tampouco esquecen desde a CIG-Ensino a necesidade de dotar a determinados centros de postos non docentes como educadores sociais aos que a Consellería se negou sempre a incorporar aos IES.

A necesaria ampliación dos EOE

No referido aos Equipos Específicos de Orientación sería necesario o seu reforzo e ampliación para atender ás novas problemáticas que xorden. Así, desde a CIG-Ensino entenden que se debe tender á comarcalización deste servizo para poder atender e facer seguimento das necesidades de forma máis rápida e eficiente. Unha rede mínima que puidese facer fronte ás necesidades actuais pasaría por contar con EOE en A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo-Norte, Lugo-Sur, Ourense-Centro, Ourense-Leste, Pontevedra e Vigo. Esta ampliación territorial debería vir acompañada polo aumento do cadro de persoal en cada EOE e pola cobertura das vacantes e das baixas que se producen ao longo do curso.