Educación desobedece os requirimentos da Inspección na protección do persoal dos centros educativos

Así se confirma na resolución definitiva emitida tras da denuncia presentada pola CIG-Ensino

Nacional -

A denuncia que no outono fixo a CIG na Inspección de Traballo, polo incumprimento da Consellaría da Lei de Prevención de Riscos Laborais no relativo as medidas de protección fronte á COVID-19, conclúe cunha contundente resolución da autoridade laboral polas irregularidades detectadas.

Os feitos denunciados foron a falta de planificación preventiva, a ausencia de negociación, a falta de medios e criterios sobre a dotación de material de protección, a deficiencia da formación necesaria, a avaliación de riscos dos postos de traballo, a necesidade EPIs axeitadas, a valoración real das solicitudes de persoas especialmente sensíbeis e a revisión das medidas incluídas nos protocolos desde a perspectiva da prevención de riscos.

A Inspección de Traballo, en base as irregularidades detectadas notificou unha proposta de requirimento á que a Consellaría non fixo alegacións, porén tivo que comparecer aportando documentación que foi obxecto de análise por parte da inspectora e que vén de notificar a resolución definitiva.

Até 8 puntos desa proposta foron transgredidos pola Consellaría, responsábel de protexer a saúde laboral do persoal docente e non docente.

Cómpre destacar polo seu significado os seguintes:

  • O primeiro punto da citación alude á revisión da avaliación específica de exposición á COVID-19 elaborada por CUALTIS, diferenciando tarefas de maior risco como no ámbito das NEAE, coidadores, etc. A Consellaría mantén que non debe revisar nada e non cumpre co requirido. A inspección considera necesaria maior concreción sobe a exposición e o emprego de EPIs de protección bioló
  • Tamén lle esixiu a valoración do persoal vulnerábel e que se fixeran as adaptacións de posto de traballo pertinentes, e dado que a Consellaría estima que non procede modificar a avaliación, nin a valoración de risco de exposición, entende a inspectora que non procede levar a cabo máis adaptación que a prohibición en determinados casos de acompañar ás posíbeis persoas, alumnado ou traballadores, que mostren síntomas á sala de illamento até a súa recollida, ben por familiares ou servizos mé
  • Demandábaselle tamén a planificación resultante da análise remitido polos centros, aportando algún exemplo por cada tipo. Lávase as mans a Consellaría dicindo que é elaborado por cada centro, que non hai un control directo, que é a inspección educativa e a dirección do centro os que proceden á súa revisió A autoridade laboral é clara, é tarefa dun técnico de prevención a revisión das adaptacións realizadas.
  • Indicaba o requirimento a revisión das avaliacións tipo feitas por CUALTIS e dos planos específicos de cada centro para adaptalos á última versión do protocoloe as modificacións propostas pola Inspección de Traballo. Novo incumprimento dicindo que tales modificacións son insignificantes.
  • Pedíaselle á Consellaría que resolvese as incongruencias sobre as EPIs a empregar nas tarefas de acompañamento con posíbeis síntomas, tendo en conta o posíbel uso deficiente da máscara por alumnado de curta idade. Non se atendeu tampouco esta esixencia alegando que o uso de máscaras FFP2 só está previsto si a persoa acompañada non pode empregar máscara cirúrxica ou hixiénica, di, ademais, que é responsabilidade de cada centro adquirir os elementos de protección precisos. Di a inspectora que a pesares de reiterarse a necesidade de xustificar a entrega de máscaras FFP2, e a ficha técnica das mesmas, non se aportou ningunha documentación.
  • Requiriuse tamén que resolvera as diversas referencias aos medios de protección a empregar polos traballadores e traballadoras, indicando expresamente se deben ser cirúrxicas ou hixiénicas, garantindo a súa subministración. A Consellaría alegou que estaba a tramitar a adquisición de máscaras hixiénicas reutilizábeis para garantir cantidade suficiente para todo o curso.
  • O punto sétimo facía referencia á diversas actividades formativas e reforzo de persoal de limpeza. A resposta foi que se ofertaron 3000 prazas de formación con só 360 persoas inscritas, e comprometéndose a atender a proposta de incluír aspectos relativos á saúde emocional e psicosocial. Ao respecto do reforzo da limpeza indica que se atenderon as solicitudes presentadas, mais oculta que moitos centros cando preguntaban verbalmente nas Xefaturas Territoriais por ese posíbel reforzo obtiñan unha respostas negativa que si se atendeu posteriormente naqueles casos de solicitude escrita.
  • O punto oitavo do requirimento facía referencia ao respecto dos dereitos de información, consulta e participación da representación legal dos e das traballadoras. A Consellaría indicou neste caso que viña de convocar un Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral para o 22 de decembro, é dicir, o último día do primeiro trimestre.

Constatadas todas estas eivas por parte da Inspección de Traballo e vista a transgresión da Consellaría aos requirimentos efectuados pola autoridade laboral, a CIG-Ensino estudará a adopción doutras medidas, non descartando a vía xudicial.

A CIG-Ensino é consciente de que “o mal xa está feito” e que o entramado burocrático e administrativo, xunto coa propias limitacións da inspección de traballo para actuar contra unha administración “provoca que non exista unha vía de urxencia para obrigar a resolver todos os requirimentos da autoridade laboral e a depurar responsabilidades de todo tipo por parte dos cargos con responsabilidade política na toma de decisións e na neglixencia en materia de saúde laboral”.

Volver