Educación detrae horas de formación específica nos currículos de FP para introducir inglés

CIG-Ensino advirte dos efectos negativos na formación do alumnado

Nacional -

Tal e como avanzaran a propia conselleira en declaracións aos medios e o director xeral de Educación de FP na última Mesa Sectorial, os novos títulos de Formación Profesional que se implanten en Galiza terán un módulo de idioma estranxeiro técnico, que na práctica se reduce ao inglés, para o que se detraerán horas de formación dos outros módulos, nomeadamente dos de carácter profesional.

O departamento de Educación da Xunta de Galiza vén de materializar outra medida máis en aras do plurilingüismo que vai incidir negativamente na formación do alumnado de Formación Profesional. A partir do vindeiro curso académico todos os Ciclos Formativos que se implanten de novo contarán con módulos de formación técnica nun idioma estranxeiro, que se reducirá ao inglés na práctica totalidade dos casos, pero sen que aumenten as horas totais necesarias para a consecución dos títulos.

Así o denuncia a CIG-Ensino que, unha vez analizados os currículos dos ciclos de nova implantación, comprobou como a administración elimina horas de formación de módulos propios e específicos da titulación, sen adecuar os resultados de aprendizaxe, nin os criterios de avaliación, nin o bloque de contidos nin as orientacións pedagóxicas.

Deste xeito, estes novos ciclos seguirán a ter unha duración total de 2.000h, tempo que xa se queda limitado de máis para a impartición dos distintos módulos específicos como para que a Consellería, de xeito unilateral, introduza dous módulos de lingua estranxeira en primeiro e segundo curso.

Porén, non se introduciu ningunha modificación con respecto aos criterios de avaliación nin resultados de aprendizaxe que estaban asignados aos módulos profesionais con maior número de horas obrigando así aos docentes a impartir a mesma formación nun número inferior de horas, o que terá claramente unha incidencia negativa na calidade educativa que vai recibir o alumnado.

Menos carga de traballo para o profesorado de FP

Pero a xuízo da CIG-Ensino esta medida vai ter tamén na práctica un efecto redutor na carga docente do profesorado da Formación Profesional o que vira en preocupante o seu futuro se temos en conta que coa aposta da FP dual tamén se reduce a presenza do estudantado nos centros de ensino.

Polo que indicou a Consellería na última mesa sectorial, a incorporación destes módulos vaise trasladar a tódolos ciclos formativos de Galiza, e non só aos de nova implantación, o que na práctica vai significar menos horas lectivas nos distintos departamentos específicos de cada familia profesional e polo tanto unha redución de postos de traballos por departamentos.

Ademais, a intención da Consellaría é que estes módulos os imparta profesorado da propia especialidade con nivel C1, contrariando o propio sentido das especialidades e o status quo actual no que é o profesorado especialista en linguas estranxeiras o que se encarga da docencia destes módulos nos ciclos formativos que xa os teñen como os da familia de hostalaría e turismo, por exemplo.

Na práctica isto vai redundar, como no caso das afíns, nunha perda de calidade no ensino, dado que o profesorado de FP en lugar de impartir a formación da que é especialista terá que dedicar tempo e recursos a adquirir o nivel C1 de inglés e a impartir uns contidos que lle son máis alleos. Por non destacar os estudos que se están a facer públicos recentemente e que sinalan as deficiencias detectadas no ensino plurilingüe para a correcta adquisicióndos contidos curriculares por parte do alumnado nas distintas etapas educativas e que tamén serían de aplicación na FP.

Para a CIG-Ensino “fica claro que a Consellaría aplica con firmeza o seu posicionamento ideolóxico máis neoliberal na Formación Profesional ao pregarse ás necesidades das empresas e da globalización, sen importarlle garantir un ensino de calidade, público, dirixido a todas as capas da poboación e centrado na nosa realidade económica e produtiva”.

Hai que ter en conta que noutras etapas educativas como a Universidade tamén se esixía ter un determinado nivel dun idioma estranxeiro para poder graduarse pero nunca a costa de reducir a carga lectiva dos plans de estudos das diferentes titulacións.

Aínda así, algunha destas institucións académicas como a Universidade de Santiago de Compostela está reconsiderando esta esixencia despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a declarara ilegal.

Outra afronta máis cara ao galego

A modificación do currículo para a introdución dos módulos en idioma estranxeiro amosa unha determinación por parte da Consellaría que nunca tivo coa protección do noso idioma, como lle pediu a CIG-Ensino en reiteradas ocasións, para que fixara cando menos que a metade dos módulos formativos dos ciclos formativos se impartiran en galego.

“De novo a administración está máis preocupada porque o alumnado se forme para emigrar, para atender as demandas de empresas deslocalizadas ou para converternos nun país centrado no turismo que por axudar a formar profesionais que entendan e fortalezan o noso tecido produtivo galego e sexan plenamente competentes no noso idioma”, denuncia.

Volver