Educación limita o dereito do profesorado á redución de xornada por coidado de fillos e fillas

A medida únese á decisión de non conceder permisos sen soldo
Nacional - 09 Abr 2021

A Consellaría de Educación, logo de que desde a CIG-Ensinolle se lle trasladara o malestar pola negativa a conceder reducións de xornada por garda legal, enviou onte a listaxe de especialidades de secundaria, un total de 20, nas que persoal non vai conceder nin a permisos sen soldo, nin a reducións de xornada. O sindicato xa denunciara hai semanas a negativa da concesión destes permisos e denuncia a inacción da administración para abrir listas de substitución en varias especialidades.

A medida de restrinxir o dereito a gozar dunha redución de xornada para o coidado dunha menor maior a cargo supón unha violación dos dereitos do profesorado a quen, como ao conxunto das empregadas e empregados públicos, non se lle fixa ningún tipo de condición ou informe previo do seu centro de destino para poder exercer o dereito a reducir a súa xornada e o seu salario para atender unha crianza ou unha persoa maior a cargo.

A medida, segundo se explicou por parte da consellaría, nace da suposta colisión de dous dereitos: o do profesorado a ter esa redución e o do alumnado a recibir docencia. Para a CIG-Ensino esta xustificación é improcedente e carece do máis mínimo rigor. Usando o mesmo argumento, “estaría en disposición a Consellaría a non conceder permisos de maternidade ou paternidade?”, pregúntase.

Sen permisos sen soldo

A medida vén sumarse á decisión, xa comunicada pola Dirección Xeral, de non conceder permisos sen soldo nalgunhas especialidades nas que a limitación nas listaxes de substitución farían difícil ou imposíbel cubrir as prazas.

Desde o sindicato xa se lle trasladou a contrariedade con esta medida. Téñase en conta que estes permisos son habitualmente empregados por persoal interino nos meses ou semanas anteriores ás oposicións. Nun contexto normal ese tempo é habitualmente moi importante para moitas e moitos docentes, mais no caso excepcional deste curso é, se cabe, moito máis necesario non restrinxir ese dereito: alta carga de traballo, especialidades nas que non superar a proba pode implicar ir ao paro, etc…

A CIG-Ensino é consciente de que os permisos sen soldos están vinculados á necesidade do servizo, mais nestes casos esa necesidade non vén provocada pola situación do centro senón pola inacción ou falta de xestión desa Dirección Xeral para adiantarse aos problemas e abrir listaxes en todas as especialidades nas que se sabe con tempo de antelación (e falamos dunha decisión que xa adoptaron hai máis dun mes)  que poden esgotarse.

En todo caso, considerando a non concesión de permisos sen soldo moi grave, máis entende que é a negativa a recoñecer o dereito á redución de xornada. Unha medida que cualifica de “abertamente ilegal” e que se toma sabendo que os prazos de reclamación e mesmo de recurso á vía xudicial farían imposíbel o exercicio dun dereito relacionado coa garda legal dun ou dunha menor a cargo.

Dereitos sen restricións

A CIG-Ensino remitiu un escrito á Dirección Xeral na que solicita que se levante a restricción á concesión de reducións de xornada por garda legal ou calquera outro permiso ou redución non vinculada coas necesidades do servizo na normativa legal en vigor e que se abran todas as listaxes que sexan precisas para evitar a discriminación daquel profesorado que non vai poder optar a un  permiso sen soldo pola falta de dilixencia da Administración.