Educación obriga aos centros a crear Plans de Igualdade con disparidade de recursos e apoio

CIG-Ensino denuncia que non se toma en serio a coeducación
Nacional - 08 Nov 2019

A comezos deste curso as direccións dos centros de ensino recibiron unhas instrucións para que leven a cabo actividades en materia de coeducación sen proporcionar  formación específica nin redución horaria para a súa realización. Mentres para os CIFP´s está a destinar partidas orzamentarias que nalgúns casos chegan aos 35.000 euros e unha guía de actividades a desenvolver, no resto de centros o orzamento, dependendo do número de alumnado, rolda os 1.000 euros, e esíxenlles a elaboración dun Plan de igualdade nun breve prazo de tempo.

Despois de recibir as queixas por parte dos centros educativos a respecto da última esixencia da Consellaría para que realicen a comezos deste curso traballo sobre coeducación pero sen garantir nin formación para o profesorado nin redución horaria, a CIG-Ensino comprobou que, unha vez máis, á administración só lle interesa “cumprir de cara á galería”.

Ademais, neste caso está a abordar esta nova esixencia de forma dispar en canto a recursos e apoio fornecidos aos centros. Mentres que para os Centros Integrados de FP a Dirección Xeral de FP envioulles un texto cunha batería ou proposta de posíbeis actividades a realizar ao que se acompañaba unha dotación orzamentaria que nalgúns casos chegou aos 35.000€, para o resto de centros as instrucións limitábanse á obrigatoriedade de elaborar un Plan de Igualdade, alén de recibir un orzamento que, dependendo do número de alumnado, roldaba os 1.000€.

Polo que puido comprobar a CIG-Ensino, nalgúns casos dada a intensidade de traballo que se vive nestes momentos nos centros, nin se puido comezar a realizalo e, noutros, estase intentando levar a cabo de maneira atropelada e para “saír do paso” un Plan de Coeducación. En certos CIFP´s tomáronse medidas tan sorprendentes como subcontratar a empresas privadas para que executen este traballo por 30.000€.

Ademais o comezo de curso non é a época máis idónea para acometer unha tarefa tan difícil como imprescindíbel, máxime cando a administración segue sen fornecer un plan de formación que consiga unha sensibilización, unha implicación e un dominio de coñecementos do profesorado que lle permita traballar a coeducación co alumnado dun xeito didáctico e eficaz.

Así mesmo, tal e como ten demandado A CIG-Ensino, o persoal docente precisa traballar en condicións dignas para que a tarefa titánica de coeducar non siga recaendo no voluntarismo dunhas cantas docentes, nun traballo feito rápido e mal ou nunha subcontratación a unha empresa privada.

Toda esta situación é unha mostra evidente de que a Consellería de Educación despreza un tema que é piar do propio sistema educativo e busca a forma de despachalo de xeito “trapalleiro e irresponsable”.

A CIG-Ensino considera que de se tomar en serio a coeducación, “a administración poría os medios necesarios para que estas instrucións tivesen unhas medidas de acompañamento e elaboraría unha Orde ou Decreto que as respalde como de feito xa existen noutras comunidades autónomas”.

A cuestión horaria tamén afecta ao traballo sobre coeducación

A CIG-Ensino enmarca este problema nas actuais reivindicacións que está levando a cabo respecto á “recuperación dun horario lectivo que nos foi usurpado. Se temos un horario lectivo de 20 horas (secundaria) e de 25 horas (primaria), fronte ao de 18 e 21 que tiñamos respectivamente hai uns anos, estamos aforrando miles de docentes cos seus correspondentes soldos”.

Á Consellaría “sáelle máis barato provocar que os fracos e cargados cadros de persoal sexan “axudados” por empresas privadas alleas aos centros. É isto o que realmente lle interesa a coeducación á Consellaría? Unicamente achega cartos para poder dicir que investiu neste campo aínda que sabe a nula incidencia que pode ter un traballo traído de fóra dos propios centros de ensino, de costas á sensibilización e á implicación da totalidade do profesorado neste aspecto. Non sería mellor que houbese redución horaria para o profesorado que puidese dedicarse a esta tarefa de maneira que se implicase e implicara ao conxunto do centro?”

Material da CIG-Ensino para suplir estas carencias

Alén desta denuncia necesaria, a CIG-Ensino, consciente da falla de materiais que existe neste contido transversal, ofrecer ao profesorado o traballo “Materiais para a coeducación 2. A elaboración dun plan de igualdade nun centro educativo” da autoría de Marian Moreno Llaneza (pertencente ao libro “Coeducación. O alicerce do ensino” que editou o pasado curso) que se pode consultar na súa web. Tamén achega os contidos do caderno “Materiais para a coeducación 1: Claves para a elaboración dun plan de coeducación nun centro de ensino”. Editou ademais outro material relacionado que se pode consultar na sección de recursos da web.

A CIG-Ensino fai unha chamada de atención porque pensa que a coeducación apréndese, ensínase e crese nela; non se compra nin se esixe como parece entender a Consellería de Educación.